Caderno de Verán

SonDaRúa: Un combate por disputar

Imaxe promocional dos membros de SonDaRúa (Foto: Nós Diario)
A banda de rap, procedente do municipio de Ponteareas, sacou o seu disco Eterno Combate en plena corentena. Por iso, os tres artistas que a forman agardan ter a oportunidade de xirar cunha ducia de temas "eclécticos"

No medio dunha escena moi activa en Ponteareas sobresaen os MC –ou mestres de cerimonias como se lles chama nesta cultura, Iván, Hugo e Álex– de SonDaRúa, un grupo que comezou "hai tres anos e pico". Nese tempo o proxecto tornou máis serio e as rimas deron o salto dos parques aos escenarios.

Álex, un dos membros desta banda de b-boys, recoñece que este ano dista moito do que agardaban. Era para consolidarse, pois o pasado mes de abril sacaron ao mercado traballo discográfico. "As cousas están difíciles", asume, a pesar de que foron convidados a formar parte do cartaz dun festival recoñecido de Vic, en Catalunya. 

A intervención será online polas medidas sanitarias e a seguridade. "Tamén temos algúns concertos para outubro", adianta o artista. 

Ao preguntarlle se aproveitaron o confinamento para adestrar a súa creatividade e dar vida a novos temas, é brutalmente sincero. "Sacamos o disco en abril con doce temas e queremos darlle cancha a ese proxecto porque nos poucos meses que tivemos non o rodamos", resume.

Cun confinamento histórico que os colleu polo medio do que debería ser publicidade, promoción e actuacións, parécelles unha mágoa non deixar que esa ducia de cancións novas non teña o seu percorrido. 

Para aquelas persoas que aínda non deran o paso de escoitar SonDaRúa, en Eterno Combate propoñen un fol de temas "ecléctico". "Hai bastante variedade con distintos tipos de música como rock, o reggae, o rap... E cae algunha balada", recoñece. Na forma, o que muda son as bases sobre as que traballan estes rapeiros. Anima a todo o mundo a escoitalo porque "non vai deixar indiferente a ninguén, aburrido non é".

Ademais, a sesión musical pode acompañarse do vídeo de Eterno Combate, que gravaron in extremis dous días antes de que se decretara o Estado de alarma.

O plus é que seguindo o exemplo doutros colectivos, a mocidade ten elixido o galego para expresar as súas preocupacións e inquedanzas. Queren saír ao exterior pero a situación non o permite: como antesala xa visitaron O Porto.