Soñando porvires para a Galiza: sobre a correspondencia entre Del Riego e Carvalho Calero

Del Riego e Ricardo Carvalho Calero, con uniforme militar, paseando pola Alameda de Compostela en 1932 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
Hai sesenta anos, Francisco Fernández Del Riego propuxo á Academia a celebración do Día das Letras Galegas. Daquela el tiña 50 anos de vida. Había máis de vinte que soñara con reorganizar o Partido Galeguista e estaba pronto a formar parte do Partido Socialista Galego, no que militou até 1978. Autor e receptor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras do seu tempo, é a través deses epistolarios como mellor podemos coñecer o autor e o período por el vivido, ou  -quen sabe- simplemente soñado.

Entre o 1 de xuño de 1954 e o 1 de maio de 1959, a revista Galicia Emigrante, publicada en Buenos Aires e dirixida por Luís Seoane, amigo de Francisco Fernández del Riego desde os tempos de estudante na Facultade de Dereito na Universidade de Santiago, publicou unha serie de entrevistas con diferentes personalidades da Galiza. Foi este un traballo singular, único no seu momento e pioneiro do que serían moitos anos despois os libros de entrevistas que tirou do prelo o mundo editorial galego.

Aquelas entrevistas, recuperadas e publicadas hai uns días por Nós Diario en formato facsímile e tamén transcritas e anotadas, supoñen, segundo se di na presentación, “a mostra máis clara do oficio de xornalista na traxectoria de Fernández del Riego, entre outras cuestións, polo xénero tan propio dos medios de comunicación, escritos e audiovisuais. Son o exemplo nítido da súa condición de xornalista, mais constitúen un episodio dos múltiples que compoñen a súa dedicación á escrita en xornais e revistas, unha práctica que comezaría desde moi novo”.

Son máis de 30 as conversas publicadas por Del Riego en Galicia Emigrante, algunhas imposíbeis como as realizadas a Unamuno ou George Borrow; outras tan reais que aínda hoxe non perderon actualidade.

No número 16 da mencionada revista, Fernández del Riego entrevista Carvalho Calero. Son dous vellos coñecidos, amigos desde a primeira mocidade, amizade que continúa agora próximos ambos aos cincuenta anos. A conversa, que discorre polos carreiros da historia e da crítica literaria, remata coas seguintes palabras de Del Riego:

“Até aquí, as respostas de Carvalho Calero. Con el temos volto a vivir o ensoño das vellas horas compostelás. No ambiente sobriamente evocador da súa conversa, xurdiron de novo as lembranzas dos nosos días universitarios. E, de súpeto, sentinme outra vez adolescente, pasmado diante da alma universal da cidade, na que ambos os dous soñábamos porvires para a cultura galega. E volvín a me notar mozo, con melancolía e présa de mañá, enfrontándome coa paisaxe eterna de Galiza…”.

 

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]