O Shortcutz Amsterdam volve á Galiza da man do FICBUEU
O vindeiro sábado 18 de xaneiro ás 21 horas, o FICBUEU acollerá a proxección de seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do festival Shortcutz Amsterdam. Será no Centro Social do Mar de Bueu.
O Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, que brinda oportunidades de exhibición, conectando unha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria.
Cada ano, e en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, o Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano. As persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo por vilas de todo o mundo.
Da man do FICBUEU, esta proxección farase ás 21 horas no Centro Social do Mar de Bueu. A organización do festival proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global que escollerá a mellor curtametraxe. A película gañadora darase a coñecer na cerimonia de entrega de premios do 12º Shortcutz Amsterdam o 19 de xaneiro de 2025.
Os filmes que conforman a sesión deste sábado son: Let me in, de Aramis García González; Behind the reflection, de Jelle Tigchelaar; Il fait beau, de Leonardo Cariglino; Lunatic, de Robin Noorda; Magma, de Luca Meisters e Tide, de Roxanne Stam.
As entradas están a venda a través da tenda web do festival ou no despacho de billetes do auditorio a partir das 20.30 horas do sábado.

