A institución corrixe así a 'inxustiza histórica'

O sexto edificio do Museo de Pontevedra será o 'Castelao'

O Museo de Pontevedra e a Deputación anunciaron esta quinta feira, na voz do vicepresidente da Deputación César Mosquera, que lle darán o nome de Castelao ao seu sexto edificio. 
castelao
photo_camera Retrato de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Pontevedra anunciou esta quinta feira que lle dará o nome de Castelao ao seu sexto edificio. Desta maneira a institución pretende reparar unha "inxustiza histórica", segundo comunicou o vicepresidente da Deputación, César Mosqueira, que quixo lembrar na súa intervención que o ilustre galeguista foi un dos fundadores do Museo, membro do seu Padroado e o artista do que a institución pontevedresa conta cun maior número de fondos.

A iniciativa deste nomeamento, explicou César Mosquera, partiu do Consello Asesor do Museo, que a aprobou por unanimidade na mesma xuntanza na que se debateu a adquisición da colección Álbum Nós, o pasado 4 de novembro.

“Temos o convencemento de que a totalidade do Consello Asesor e a transcendencia que asume o Museo adquirindo a colección completará a reparación da inxustiza histórica con Castelao", declarou o vicepresidente.

O nomeamento do 'Edificio Castelao' seguirá a partir de agora varios trámites administrativos desde a Deputación no camiño de facelo oficial e tamén se está a pensar na posibilidade de realizar algún evento conmemorativo, en función do que permitaa situación sanitaria pola Covid-19.

O vencello de Castelao e da súa obra co Museo

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, salientou que unha parte moi significativa da produción artística e intelectual de Castelao se exhibe e se custodia nesta institución, que alberga máis de 2.000 obras do artista de Rianxo, "un dos piares sobre os que asenta a nosa identidade como pobo".

Castelao colaborou na creación do Museo, mesmo facendo debuxos sobre as reformas do edificio Castro Monteagudo, o primeiro do Museo.

O rianxeiro tamén iniciou a súa propia colección cando, en 1931 e sendo membro do Padroado, depositou 11 das súas obras, e manifestou o desexo de reunir o máis destacábel da súa produción nel. Un depósito que lle foi adquirido en 1964 á súa viúva Virxinia Pereira, que legou un gran número de orixinais da súa propiedade.

Comentarios