Montse Fajardo, biógrafa de Virxinia Pereira, protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Adianto do 'Sermos Galiza' deste sábado.
Aliás, falamos da desaparición de 'Teima' hai 45 anos.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que protagoniza a entrevista de Montse González a Montse Fajardo, autora de A vida incerta, a biografía de Virxina Pereira.

"Ela fala de Galiza, dun pobo asoballado. Define Galiza como nación e deféndea contra o que están a facerlle os franquistas, ademais de defender a legalidade republicana", explica Fajardo.

45 anos da desaparición de 'Teima'

Sermos deste sábado abre cunha reportaxe de Xosé Barros titulada 'Teima: xornalismo desde o silencio', con motivo do 45 aniversario da publicación do derradeiro número da revista.

O final de Teima chegou en agosto de 1977, nove meses despois do seu primeiro número. 35 edicións dun semanario, afogado a nivel interno pola imposibilidade de conseguir anunciantes que evitasen o colapso económico da revista, e a nivel externo polas tensións existentes entre o PSG, a UPG e o Partido Comunista Español (PCE). Os dous factores confluíron para provocar a desaparición do xornal.

As miradas complementarias de Juan Prieto e Faustino Patiño

Por outra parte, Iago Valverde asina a peza 'Prieto e Patiño, complementarios', na que analiza as formas de traballar opostas, mais complementarias, de dous arquitectos "moi diferentes": Juan Prieto e Faustino Patiño.

O punto en común que comparten os arquitectos, ademais de formar estudio, é o seu interese pola investigación. Ambos son doutores e foron profesores pero, como é habitual nas súas traxectorias, desde dous enfoques diferentes.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro Herminio González, que traen as últimas novidades e un artigo de González titulado 'Cen anos de Xenakis na Coruña'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Welcome to ma maison, de Andrês Goteira, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú de fin de semana: sashimi de salmón, escalopiños de tenreira con mollo de queixo azul galego e mousse de maracuxá.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Despois das ondas, de Ernesto Is, mentres Inma Otero Varela analiza Parhelio, de Xosé Luís Mosquera Camba. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da Paradanta do norte, da Franqueira ao Coto da Vella, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.