'Sermos Galiza' achega a figura do Apalpador

Montse González trae unha entrevista á autora Marilar Aleixandre, que vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa do Ministerio de Cultura con 'As malas mulleres' (Galaxia), unha novela que recupera a memoria das mulleres presas da galera da Coruña e que foi galardoada tamén co Blanco Amor.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. As protagonistas deste número son Marilar Aleixandre e os xogos populares galegos. Aliás, coincidindo coas datas do nadal, ponse en valor a figura do Apalpador, da man de Ricardo Suárez. "A figura do Apalpador e o imaxinario do propio ser fantástico conecta coa tradición oral e concretamente co cantigueiro popular galego", explica Héitor Picallo para o semanario deste sábado.

O feminismo como cerna

Montse González trae unha entrevista á autora Marilar Aleixandre, que vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa do Ministerio de Cultura con As malas mulleres (Galaxia), unha novela que recupera a memoria das mulleres presas da galera da Coruña e que foi galardoada tamén co Blanco Amor.

Aproveitando o galardón, Montse González conversa coa autora a respecto da súa extensa obra anterior e de como reflicte o feminismo que acompaña tempo atrás nas súas obras.

O xogo, unha ferramenta poderosa de aprendizaxe e socialización

Na primeira parte da edición deste sábado 24 de decembro, Mar Álvarez devólvenos á nenez nunha reportaxe que abarca a importancia dos xogos populares na Galiza. Nela constata que xogar non abrangue só ás crianzas, senón que é beneficioso para todas as idades.

O Apalpador, referencias á lendaria figura do nadal galego

Xa na segunda reportaxe deste novo número do Sermos Galiza, Ricardo Suárez achéganos esta importante figura do imaxinario mitolóxico galego. Como cada nadal o Apalpador abandona as montañas galegas e baixa ás casas das crianzas para controlar se están ben alimentadas e darlles castañas para encher as súas barrigas ou carbón para quecer a súa casa, ademáis de deixarlles algún agasallo.

Cine, teatro e literatura

Desta volta a opinión cinematográfica ofrécea o experto na materia Andrés Castro. Escribe a respecto do filme O corpo aberto, unha longametraxe de Ángeles Huerta na que participan Gaspar Broullón, Pepe Coira e Jorge Coira entre outros. O filme é unha adaptación dun dos dez relatos de Arraianos, obra cumio de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na sección de libros, por unha parte a análise de Tensi Xesteira a respecto do libro A culpa, de María Solar, obra galardoada co XXXIX Premio Xerais de Novela. Por outra parte, temos a opinión de Susana Sanches Arins sobre O gran libro da horta, unha proposta “que tanto podemos instalar na estante 574 como na 63 das nossas livrarias”, afirma.

No apartado musical, Herminio Gonzalez fálanos do disco A túa ausencia neste ar, de Fanny e Alexander, "Un novo álbum no que, como o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, voltan á casa na procura do que foron", tal e como eles o presentan. Tamén no apartado musical, Xurxo Souto repasa o xénero ‘Bravú’.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca Xoán Costa.

Comentarios