VÍDEO | Santiago vibra con The Rapants e o seu novo 'Rapants Club'
Mariachis no vestíbulo, artistas convidados e un público entregado marcaron unha noite que confirmou o fenómeno da banda de Muros. O Multiusos do Sar converteuse nunha auténtica discoteca da música galega.
The Rapants cumpriron as súas promesas e sorprenderon desde o primeiro momento no concerto de presentación do seu novo disco, Rapants Club, este sábado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago.
Xa antes da apertura de portas, centos de persoas facían cola para acceder a un recinto que acabou reunindo perto de 6.000 asistentes, co cartel de entradas esgotadas. No interior, a primeira sorpresa: música de mariachis no vestíbulo para ambientar a chegada do público, que ademais recibía unha tarxeta simbólica de pertenza ao 'club'.
🎶 #TheRapants conquista o Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela na estrea do seu novo disco, #RapantsClub. Así se viviu este inesquecíbel concerto@The_Rapants
— Nós Diario (@NosDiario) March 29, 2026
👉https://t.co/l0oTgIKMPt pic.twitter.com/mejoHOgQwx
Antes do prato forte da noite, o grupo compostelán Ulex quentou o ambiente e pasadas as nove da noite, The Rapants saíron ao escenario cunha declaración de intencións clara, abrindo o concerto cun tema do novo traballo, "Sin medo". A partir dese momento, o Multiusos transformouse nunha festa continua, cun público entregado que respondeu desde o primeiro minuto.
A festa da música galega
O concerto destacou tamén pola presenza de artistas convidados, convertendo a cita nunha celebración da escena galega. Galician Army acompañou o grupo nos primeiros temas, mentres que 9Louro se sumou máis adiante para interpretar “Meu cariño”.
Na parte central do espectáculo tamén participaron Sara Faro, de Fillas de Cassandra, e Antía Ameixeiras, de Caamaño & Ameixeiras, nun dos momentos máis destacados da noite.
Xa no tramo final, Grande Amore subiu ao escenario para interpretar “A vida”, fechando unha actuación na que se combinaron temas novos co repertorio máis coñecido da banda.
O concerto do Sar consolida The Rapants como un dos grupos máis relevantes da nova música galega. A proposta de Rapants Club, cun formato de concerto pensado como experiencia festiva, marcou un novo paso na súa evolución. A resposta do público, co recinto cheo e unha atmosfera de celebración constante, sitúa a banda nun momento clave da súa carreira.