'Sermos Galiza' lembra este sábado Saleta Goi

Aliás, falamos co artista Abe Rábade e co estudo de arquitectura Trespes.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

O pasado 10 de setembro finou Saleta Goi, unha figura esencial da cultura e o nacionalismo da Galiza. É por iso que o semanario Sermos Galiza lle dedica o número deste sábado, a través dunha reportaxe que asina Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

"O sorriso e o bo ánimo de Saleta non podemos dicir precisamente que proviñesen dunha vida regalada, que non a tivo. A súa nenez non foi doada. Saleta ficou orfa de nai sendo pequerrecha e o seu pai, Luís Goi, republicano, foi apartado polo réxime fascista do desempeño como secretario de concello cando ela apenas tiña cinco anos", sinala o autor.

Abe Rábade e 'Botánica'

A entrevista desta semana corre a conta do xornalista Manuel Xestoso, que conversa co músico Abe Rábade. O artista vén de publicar o seu disco número quince, Botánica, no que presenta un proxecto no que o jazz se entrelaza coa música tradicional, coa de cámara, co pop, para dar con algo novo.

"Por que Botánica? Nestes últimos dous anos, a partir da pandemia, unha das cousas que máis me chamaron a atención foron as plantas, e os espazos naturais en xeral. O espazo concreto da fraga pero, por extensión, calquera elemento vexetal cos que tiven interacción e nos que fun atopando compoñentes que me axudaron a conformar o disco: tradicións populares asociadas a estas plantas, ritmos que me evocaban... e todo canto ingrediente musical pode xurdir de aí", apunta Rábade.

A arquitectura de Trespes

Aliás, Iago Valverde asina o texto 'Trespes: O preciso', no que aborda a obra arquitectónica de Carlos Mosquera, Alberte Pérez e Enrique Iglesias, que fundaron o seu estudo ao pouco tempo de remataren os estudos.

"Facemos arquitectura precisa. Nos dous sentidos. No sentido do que se precisa, que é de necesidade. Dicimos moito que a mellor arquitectura é a que non se constrúe, aínda que soe moi esaxerado. O que queremos dicir é que con pouco pódense facer cousas moi interesantes. Soemos traballar con moi poucos recursos, o que nos obriga a ser moi precisos. Temos uns proxectos tan pequenos que cada centímetro conta", salientan.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro, que trae as últimas novidades, a comezar por Cantigas de Maio, de Bernardo Moreira, mentres Herminio González asina o artigo titulado 'O garoto da garota de Ipanema'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Dragon Ball Super: Super Hero, de Tetsurô Kodama, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú de fin de semana composto por ensalada temperada de ñoquis, ameixas en mollo verde e tiramisú de framboesas.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Animais Mecânicos, de Rebeca Malde (Autoedición), mentres Inma Otero Varela fala de Os puntos do impacto, de Álex Mene (Espiral maior). Aliás, o colectivo Xea trasládanos á freguesía portuguesa de Pitões das Júnias.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!

Comentarios