O Premio Fran Pérez 'Narf' decídese o sábado en Compostela: estas son as bandas nomeadas

González, Moas, Penas, Pavía, Morales e Lucas, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
A final terá lugar no seo dunha gala no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela este sábado 19 de outubro

Esta cuarta feira, 16 de outubro, presentouse en rolda de prensa a gala final do Premio Narf que terá lugar este sábado 19 de outubro no Auditorio Abanca de Compostela, ás 20 horas. O acto tivo lugar no pub Modus Vivendi -onde tocaba con frecuencia Fran Pérez- e participaron nela todas as bandas (Ana Moas de Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales, e Silvia Penas de CintaAdhesiva), ademais de Manuel Lucas de De Ninghures, a comisaria do Premio, Rocio Castro, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González.

González destacou que a gala "un ano máis será un espazo para desfrutar, para lembrar a Fran Pérez "Narf" e para reflexionar sobre o papel da música como forma de expresión identitaria e de conexión entre culturas, para recoñecer a excelencia na creación artística galega, así como promover a proxección dos artistas".

A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez) decidirá o gañador, que levará 4.000 euros, o segundo clasificado, 2.000, e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de De Ninghures, unha banda emerxente de folc.

A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho. O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais da Galiza, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

As bandas finalistas deste ano son Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales, e Cinta Adhesiva.

De Carabela, o xurado destacou que é "unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada". Nada en 2021, a banda noiesa dálle unha nova volta á confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.

De Gloria Pavía e Rafa Morales salientou a "utilización de elementos escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora", na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.

De Cinta Adhesiva, formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, salientou a "proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras".