Rodrigo Romaní, Che Tembra Redondo e Barahúnda reciben os premios Barbantia da cultura de 2024
Nun acto dirixido pola artista noiesa Esperanza Mara que tivo lugar en Muros, a entrega dos XVIII premios Barbantia da cultura 2024 comezou cunha interpretación musical a cargo da Orquestra de corda do Concello de Muros, que dirixe César Acuña.
A continuación, pasouse á apertura do acto e á presentación dos membros da mesa: Caridad González Cerviño, concelleira de Cultura de Muros; María Xesús Blanco López, presidenta da Asociación Cultural Barbantia, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e María Lago Lestón, alcaldesa do Concello de Muros.
Tras as intervencións, chegou o momento esperado. Desta maneira, o premio Barbantia á traxectoria cultural no Barbanza recaeu sobre Che Tembra Redondo, o artista do ferro rianxeiro, e foi entregado pola presidenta da asociación, María Xesús Blanco López.
Pola súa parte, o premio Barbantia á iniciativa cultural no Barbanza foi para o grupo musical Barahúnda, coas raíces en Madrid mais aficandos na Galiza, e que no seu repertorio inclúen varias cantigas galego-portuguesas. Helena De Afonso e Jose Lara Gruñeiro foron as persoas que o recolleron das mans da alcaldesa de Muros, María Lago Lestón.
Rodrigo Romaní
O prato forte chegou coa entrega do premio Barbantia da cultura galega, que este ano recaeu sobre o músico noiés Rodrigo Romaní, unha lenda da música galega pola súa participación en Milladoiro e SonDeSeu, que recibiu o galardón do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
A música volveu ser protagonista no fechamento dun acto, no que tamén se procedeu ao reparto do anuario da Asociación Cultural Barbantia, o número 20 que edita este colectivo de fonda tradición nas comarcas de Muros, Noia e Barbanza.
O acto tamén contou coa presenza de numerosas autoridades dos concellos destas comarcas, así como da Deputación da Coruña, ademais dun nutrido público que acompañou as persoas galardoadas durante a entrega duns premios que chegaron á súa 28 edición.
