Ribeira torna na capital da tradición mariñeira co XVII Encontro de Embarcacións
O XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais volveu esta quinta feira a Ribeira (O Barbanza), convertendo a vila, até o domingo, nun polo de patrimonio mariño con decenas de embarcacións de todo o mundo, nun evento internacional que enche de actividades toda a fin de semana. Continúa a esencia que xa estaba na semente deste proxecto: a memoria, a artesanía , os oficios do mar e a sustentabilidade, grazas á implicación municipal, de Culturmar e da Confraría da Dorna.
17 edicións e máis de dúas décadas de historia
Ribeira, berce da primeira edición no ano 1993, volve acoller este evento que reúne durante catro días un total de 131 embarcacións inscritas procedentes da Galiza, outras comunidades do Estado como Catalunya e Balears e países como Irlanda, Bretaña ou Chile. A cita, organizada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), en colaboración co Concello de Ribeira e a Real e Ilustre Confraría da Dorna –unha das cinco asociacións fundadoras de Culturmar–, pon o foco na memoria mariñeira, a recuperación de oficios tradicionais e a sustentabilidade no mar.
As cifras falan do crecemento dunha cita que comezou como unha pequena reunión e hoxe se converte nun dos eventos de referencia no eido da cultura do mar. Anxo García, coordinador da Escola de Vela Tradicional da Cofraría da Dorna, sinala a este xornal a importancia de ensinar en Ribeira “en que se converteu aquela semente posta hai 32 anos con só trinta ou corenta barcos”. Ademais, nesta ocasión haberá por primeira vez unha embarcación de América, en concreto do Océano Pacífico e procedente de Chile, afondando na internacionalización do Encontro.
En ribeira pódense ver dornas, botes, muletas e mesmo curraghs
As primeiras dornas e demais embarcacións tradicionais, moitas delas recuperadas grazas a proxectos de restauración, chegaron ao porto de Ribeira no día desta quinta feira, acompañadas dos seus tripulantes, dispostos a compartir o seu coñecemento sobre navegación, carpintaría de ribeira ou aparellos. Entre as embarcacións que pasarán polo porto están a dorna Virxe do Carme, a buceta Támara, a muleta República Catalana, o bote Langaño ou o curragh Dlúth Taca.
A implicación local é fundamental. Ao longo do ano, a comisión organizadora traballou arreo para definir cada detalle: desde os peiraos habilitados, pasando polo programa lúdico e formativo, ata a loxística de acollida. A colaboración entre o Concello, a comisión de Culturmar e a Asociación da Festa da Dorna foi clave. A propia concelleira de Cultura, Antía Alberte Maneiro, destaca a Nós Diario o valor simbólico de que sexa Ribeira quen acolla esta edición. “É unha vila que vive do mar, e pór esa cultura en valor e recoñecer o noso pasado axúdanos a entender mellor o noso futuro”, subliña.
Neste sentido, a participación da Asociación da Dorna resulta especialmente relevante. Trátase dunha das entidades con maior tradición na defensa e posta en valor do patrimonio marítimo ribeirense. Na súa experiencia conta coa organización de festivais que mesturan humor, navegación e tradición, o que encaixa á perfección co espírito do Encontro.
Actividades para todos os públicos
O evento ofrece un amplo abano de actividades para todos os públicos. Alén da simple contemplación das embarcacións —moitas delas auténticas xoias da carpintaría naval en madeira—, o público pode achegarse aos oficios do mar a través de obradoiros de redeiras, demostracións de nós mariñeiros, exposicións e venda de artesanía vencellada ao mundo mariñeiro. O programa musical acompaña cada xornada, con concertos de Abril, Catuxa Salom ou De Ninghures e animación de rúa que dinamizan os espazos portuarios e o casco urbano, como un monólogo de Quico Cadaval.
Un dos puntos fortes desta edición é a posibilidade de conversar directamente cos navegantes. Moitos deles, chegados de lonxe, comparten vivencias e saberes cos asistentes, ofrecendo unha experiencia inmersiva. “É unha marabilla poder ver isto todo xunto. Recibimos barcos de lugares tan afastados como Chile. É unha bomba cultural”, asegura Antía Alberte, que considera que esa mestura de culturas mariñeiras é un dos grandes valores do Encontro.
O valor ecolóxico e patrimonial
Desde a organización de Culturmar tamén se puxo o foco en dar visibilidade ao valor da madeira como material construtivo e ao uso da vela como medio de propulsión eficiente e sostíbel. A reivindicación vai máis alá da tradición: trátase de pór en valor un sector económico e profesional que mantén viva a identidade mariñeira e aposta por un modelo de baixa pegada ecolóxica.
"A lexislación actual dificulta a conservación e uso destes barcos", di Pepe Sacau
“Reivindicamos a construción naval en madeira como actividade profesional e empresarial con futuro, cunha pegada ambiental moito menor ca outros sistemas”, explica o presidente de Culturmar, Pepe Sacau Fontenla, a Nós Diario. Neste sentido, Sacau reclama tamén unha actualización da normativa de navegación e construción naval, adaptada á realidade dos barcos tradicionais. “A actual lexislación está pensada para outras tipoloxías e materiais, dificultando a conservación e o uso efectivo destas embarcacións”, asevera.
Catro días de patrimonio coa mirada no futuro
Ao longo das xornadas, Ribeira experimenta un auténtico trastorno positivo. O porto convértese nun espazo de convivencia, intercambio e aprendizaxe. As instalacións portuarias acollen centos de persoas, e a cidade enteira vístese de festa, con veciños e visitantes implicados no encontro, acollida e participación. A programación abrangue tamén animación infantil: con teatro por parte de Sonia García e Cris Collazo ou de Marta Ortiz, a música de de Brais das Hortas e o circo de Diáspora Teatro, entre outros.
Ribeira reafírmase así como referente da cultura do mar cun Concello preocupado pola preservación e a posta en valor do patrimonio e da historia da vila. O Encontro, máis alá do seu valor estético ou turístico, funciona como ferramenta para a transmisión xeracional de coñecementos e como espazo para debater o futuro da cultura marítima galega. O que en 1993 foi unha semente, hoxe é un certame internacional que mira cara ao futuro sen esquecer as súas raíces.

