Rianxo e Ribeira apostan polo muralismo galego
Coordinado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas, o festival Viladomar, máis alá dos muros desenvolverase en Rianxo entre o 3 e o 13 de xullo de 2025 e contará con catro novas intervencións murais que se sumarán ao museo ao aire libre que medra nas rúas da vila desde hai seis anos. Xunto a elas, desenvolverase unha programación de actividades culturais, entre as que destacan roteiros guiados, obradoiros ou un paseo en barco pola ría..
Nesta nova edición participarán catro artistas que representan diferentes xeracións, estilos e linguaxes dentro da escena mural galega actual, cun forte vínculo coa contorna e co carácter público e social da arte; Lúa Gándara, Yoseba MP, Pelucas Bubles e Xoana Almar.
O festival consolidouse como un espazo de encontro entre artistas, veciñanza e territorio, no que a pintura mural actúa como ferramenta de transformación colectiva e expresión contemporánea, apostando por procesos colaborativos.
Salmoira en Ribeira
En Ribeira, por outro lado, despois dunha exitosa primeira edición, o festival Salmoira retoma a súa actividade con novos artistas da arte mural urbana como Lidia Cao, Mon Devane e Fernando Yáñez.
Como novidade, vaise a incluír unha nova categoría, Zona Pios, para murais máis pequenos ou amateur, demandados por diferentes colexios e asociacións locais. Inaugurou esta Zona Pios o Festival Bruón, e están previstos outros murais nos que colaboran, Amicos, a Creba e o CEIP O Grupo, un mural que a cargo do CEIP Heroínas de Sálvora en Aguiño, un mural en Frións pintado polo Colexio Bayón e outro en Artes feito polo CEIP de Artes.
A concelleira de Cultura, Antía Alberte Maneiro, explico que as obras do festival teñen como fío condutor mostrar unha historia dunha vila galega mariñeira vinculada ao mar e á salmoira.