"As dúas de sempre", por Brezo Verea Nieto
Reencontráronse un día, un ano mais tarde.
Quedaran na verea vella, no camiño esquecido que xa non vai a ningures, como fixeran tantas veces, pero agora, sendo un ano máis vellas, quizais un ano máis sabias.
Escudriñáronse tentando recoñecer a caveira da outra debaixo da pel, para saber se seguían a ser as mesmas que compartiran as cousas da vida.
Conservaran os seus recordos compartidos en frascos de augardente, cada un cun papeliño co nome e a data de cada soño, de cada anceio fanado. Prometéranse coidar daqueles frascos, coa esperanza de que serviran de cura para espantar o medo que tiñan de perderse unha á outra durante aquel tempo afastadas.
Eran elas, as dúas de sempre, coma sempre as chamaran, con máis experiencias, das que a outra non participara, aprendizaxes e retrincos dun curso que cada unha pasara nunha punta do mundo. Unha marchara cunha bolsa na procura das Américas, da experiencia doutra lingua, da cultura global, emigrante do século XXI, talvez fuxindo de algo, talvez buscando algo. A outra, sempre en Galiza, a carón da natureza, profundando no que podería ser, no que quería ser, enraizada na súa terra sen deixar de mirar cara ao futuro.
Coma nun cruzar de olladas, as lembranzas inundáronas, como quen quita unha pedra que freaba o correr da auga. Coñecéranse dende cativas, unidas por unha amizade anterior a elas, e xuntas medraran, case que na mesma casa, no mesmo val entre o mar e a montaña. Entre o mar e a montaña foran xuntas á escola, onde abondaba o tempo para xogar, trepar polas árbores, construír cabanas de contos, imaxinar mundos soñados...
Medraron, deixaran de ser dúas para converterse en catro. Catro estrelas brillantes, que soñaban xogando xuntas. Catro persoas xuntas formando unha constelación, fixéronse mozas, e como unha sombra chegou a época do tempo sen tempo. E aquelo de xogar e correr pola herba xa quedaba lonxe, pois cada día era unha loita contra reloxo entre deberes, apuntamentos, traballos e exames, nun sistema educativo que tentaba abafalas, deixalas sen soños, adestralas para seren adultas nun mundo caduco que esmorecía. Non era sinxelo manterse na cadeira, “Sentade ben”, “Mirade cara a adiante”, “Non faledes”... A relación co profesorado non sempre era sinxela, algúns mestres motivábanas, algunhas mestras eran todo un referente. Pero ante outras sentíanse incomprendidas, desprotexidas, coma se os seus sentires e angustias non foran visibles. Por que a meirande parte das veces se culpa o alumnado? Ninguén se pregunta por que están cansas? Dispersas? Fartas? Imaxinaron crear unha nova escola que fora unha fiestra aberta a camiños de gozo e aprendizaxe, para que aprender non fose unha lista interminable de tarefas, de datas límite, de exames que medían máis a memoria ca a comprensión, repetir, cumprir, estudar para esquecer despois... Aprender xa non era descubrir, nin conectar, nin preguntar.
O día a día era unha loita por manterse, no mundo mantíñanse outras loitas:
Non as guerras!
Xenocidio non!
Nunca máis!
Ningunha menos!
Altri Non!
Todas iguais e todas diferentes.
Si, somos diferentes, e aprendemos diferente, tantas contradicións entre o que se ensina e como se ensina, o que pasa fóra e o que acontece dentro, repetindo as historias da historia.
Tantas contradicións entre o que se ensina e como se ensina, o que pasa fóra e o que acontece dentro
E por cambiar a historia propuxeran aprender fóra das aulas, facer unha excursión diferente, coñecer Tenerife de verdade, ver a paisaxe, a xente, os animais ceibes no seu hábitat... E por iso non quixeran visitar o Loro Parque, non querían financiar os que teñen as candorcas deprimidas e encarceradas en piscinas e os golfiños aplaudindo pola comida. Querían velos en liberdade e non en crueis espectáculos disfrazados de educación.
A resposta fora a de sempre, “Non hai tempo”, “É o que quere a maioría: atraccións e fotos nas redes”, “Xa se decidira e ninguén se queixou daquela”.
Semellaba que o mundo movíase por inercia, que nada podía cambiar... Rabia e tristura, o soño da escola coa fiestra aberta semellaba demasiado distante, demasiado utópico.
Pero estudaran que cada xeración tráenos un novo xeito de mirar, e elas, querían mirar máis lonxe, precisaban facelo, encamiñarse cara a un océano aberto e completo, cara a montañas sen eucaliptos. E non foi en van, pois despois daquilo descubriron que eran moitas máis, sumaron once notas discordantes, entrelazadas como o vime das cestas, entendíanse, apoiábanse e estaban aí para o resto, conectadas cunha mente colmea. E así rematou o curso e pasou o verán que gozaron xuntas antes de separarse.
Unha das dúas de sempre, a que marchara, regresou co frío seco das cidades sen mar nas costas, coa vertixe das rúas descoñecidas. Aprendera noutra lingua, noutros mapas para moverse nun mundo novo que a fixera medrar. Sentira morriña da terra e das persoas, mais tamén descubrira novos afectos e novas experiencias. A outra, a que quedara, tiña enriba da pel o salitre do mar, o arrecendo da choiva, o rumor do vento entre castiñeiros e carballos. Tamén ela cambiara, aprendera a estar soa sen sentilo e a atopar beleza na rutina do coñecido. Quizais non cruzara océanos, pero atravesara soutos e carballeiras, coñecera a súa terra.
Mirándose ós ollos compartírono todo sen palabras, nunha aperta na que semellou que o tempo se detiña. Na beira da verea, sentada nunha pedra, unha figura observaba tralas súas lentes redondas. Castelao mirounas un longo intre, baixo o seu sombreiro gastado e borboriñou, coma quen fala para si: “Canto cambiaron as cousas e que tan pouco, á vez. Cómpre seguir soñando, loitando, facendo camiño pola verea vella, coas verbas esquecidas do noso falar, o musgo, os couselos, os fieitos e todas as cousas que imos topando no camiño e que enchen de ledicia o noso corazón”.
E sen facer ruído, foise desfacendo entre a néboa, deixando atrás o arrecendo a tinta e papel vello e unha calor antiga no peito das dúas de sempre.