‘Reboiras. Acción e corazón' nas pantallas da Galiza

O filme sobre a figura de Moncho Reboiras leva unha semana na sala Numax de Compostela e en Duplex Cinema de Ferrol, nas que continuará os vindeiros días após o éxito de asistencia a todas as sesións. Ourense, Lugo, A Coruña, Vigo ou Ponteareas son algúns dos concellos onde se proxectará nos vindeiros días esta longametraxe de Alberte Mera.
Estrea de 'Reboiras. Acción e corazón' no cinema Numax de Compostela
photo_camera Estrea de 'Reboiras. Acción e corazón' no cinema Numax de Compostela

O documental Reboiras. Acción e corazón, no que o director Alberte Mera (Vigo, 1987) traslada á pantalla a vida de Xosé Ramón Reboiras Noia, continúa a proxectarse na sala Numax de Santiago de Compostela e Duplex de Ferrol, logo de o filme levar máis de sete días consecutivos en ambos os cinemas enchendo a capacidade das salas. 

Duplex xa habilitou na súa web a posibilidade de reservar entradas para as novas sesións programadas para todos os próximos días até a quinta feira 27 de agosto, e os pases en Numax xa se poden reservar para esta sexta 21, sábado 22 e domingo 23.

A proxima estrea deste filme que produce a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas será na cidade de Ourense, a cuarta feira 26 de agosto, e exhibirase da man do Cineclube Padre Feixoo con dúas sesións: a primeira ás 18 horas e a segunda ás 21 horas, no edificio da Casa da Cultura (antiga biblioteca). En ambos os dous pases participará o director e haberá un coloquio onde as e os espectadores poderán intervir. A organización indica que, por mor do contexto sanitario, as entradas unicamente se poden adquirir de forma anticipada. O lugar da venda de entradas é o Café Cultural Auriense (Praza do Correxedor, Ourense).

O roteiro do filme continúa no cinema Codex de Lugo, que albergará a sexta feira 4 de setembro a seguinte estrea, na que tamén participará Alberte Mera. Ademais, tanto o sábado 5 como o domingo 6 de setembro tamén se exhibirá o documental neste cinema. Durante os tres días haberá pases ás 18 e ás 20 horas.

Na Coruña poderase ver o filme o vindeiro 9 de setembro, nas dúas salas de cinema do Forum Metropolitano, onde o filme se estreará ás 19 e ás 19.30 horas. Será o 18 de setembro cando o documental se estree na cidade de Vigo, nunha exhibición especial dentro do Festival Primavera do Cine. O 3 de outubro será a quenda de Ponteareas, que estreará o filme no auditorio Reveriano Soutullo, mentres que en novembro se presentará en Ponteveda, no Teatro Principal. 

A produtora indica que están a concretar novas estreas en múltiples concellos da Galiza e agradecen o interese sobre o filme suscitado no país e a boa acollida que está a ter polo público e a crítica. Na web do filme www.reboiras.gal no apartado de exhibicións irase actualizando a lista de estreas con máis datas e salas onde se proxectará a obra.

Foi Imo (Dodro) o lugar que acolleu a preestrea do documental o pasado 8 e 11 de agosto, nun evento especial para a familia Reboiras e a veciñanza deste concello que hai 70 anos viu nacer Moncho Reboiras. De "enormemente emotivo" cualificou o director tanto a preestrea realizada en Imo como a de Ferrol, que decorreu o pasado 12 de agosto en Duplex Cinema, coincidindo cos 45 anos do asasinato de Moncho Reboiras nesa mesma cidade a mans da policía da ditadura franquista.

A Fundación Terra e Tempo publicou o segundo trailer do filme, que achega unha mostra das secuencias de ficción que Mera rodou para o documental, así como un avance das entrevistas que este director tamén filmou ao longo do país e que narran a vida de Moncho Reboiras.

Participan no filme, en total, 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron o histórico nacionalista, como o propio irmán de Moncho, Manuel Reboiras, a súa curmá Lita Martínez, o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, ou a cineasta Margarita Ledo, até as propias persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir e salvar: Elvira Souto e Lois Ríos.

Comentarios