sábado 23/10/21
'Cadernos persoais'

Publican textos inéditos do Lois Pereiro "observador, sorprendido, divertido, sempre curioso..."

Con motivo do 25 aniversario do pasamento do poeta, Chan da Pólvora edita este libro con textos que non viran a luz. 
O poeta Lois Pereiro. (Foto: Nós Diario)
O poeta Lois Pereiro. (Foto: Nós Diario)

Con motivo do 25 aniversario do pasamento do poeta Lois Pereiro, na xornada de hoxe presentouse no Ateneo Casino de Monforte de Lemos Cadernos persoais, un conxunto de textos inéditos até o momento do homenaxeado en 2011 no Día das Letras Galegas, ao coidado de Chan da Pólvora. 

Ao acto de presentación acudiron o irmán do poeta, Xosé Manuel Pereiro, e a súa irmá, Inés Pereiro, "quen escribiu para esta publicación un artigo sobre a súa experiencia nas viaxes co escritor", explica o editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, quen tamén estivo presente no evento. 

Finalmente, o responsábel da edición e das notas do volume, Héctor Cajaraville, non puido acudir á presentación do libro. "Estaría encantado de poder estar aí en Monforte nunha data tan sinalada como esta, pero diferentes motivos impídenme que así sexa", desculpábase a través dun vídeo que se proxectou no acto. 

Cajaraville contaba na presentación que a súa "relación con Lois Pereiro comezou hai xusto 10 anos, cando Edicións Xerais da Galiza me encargou a edición deste material excepcional (algúns cadernos de viaxe e unha axenda persoal con anotacións do poeta) que, ao non publicarse naquel momento, non tiña a esperanza de que visen a luz até que Antón Lopo me comunicou que a súa editorial se faría cargo da publicación", apuntaba o responsábel da edición. 

"A magnífica edición de Chan da Pólvora inclúe algunhas imaxes dos cadernos, nos que se poden observar, por veces, a arrevesada caligrafía de Lois Pereiro. Hai que ter en conta que a maioría destes textos foron escritos no tren, nun bar ou nun hotel". 

Sobre esta publicación, Cajaraville tamén salientaba que "os textos mostran a un Lois Pereiro lonxe do clixé que arrastra de poeta atormentado. Aquí hai outro Pereiro observador, sorprendido, divertido, sempre curioso e receptivo por todo o que o rodea. Por tanto, quen lea estes cadernos vai ter unha visión moito más completa e próxima á realidade do seu autor e entenderá mellor algúns elementos recorrentes na súa obra". 

Por último, na súa intervención telemática, Cajaraville destacou a axenda persoal de Lois Pereiro do ano 1996. "Nela recóllense anotacións dos seus últimos meses de vida nos que se amosaba interesado por todo o que o rodea, as noticias do momento, as novidades do panorama editorial galego, os seus compromisos editoriais e por seguir planificando futuros proxectos", concluía o responsábel da edición do libro.

Publican textos inéditos do Lois Pereiro "observador, sorprendido, divertido, sempre...
comentarios