Un proxecto colectivo destapa a memoria feminista e comprometida de Lola Ferreiro: "É innúmero todo canto fixo"

Acto decorrido na Casa das Máquinas de Compostela para homenaxear Lola Ferreiro. (Foto: Arxina)
Lola Ferreiro Díaz (1957-2023), referente na psiquiatría, a docencia, a memoria histórica e o activismo feminista na Galiza, conta desde onte co seu propio espazo virtual. 'Saúde, pracer, república e terra malva' é o resultado dun proxecto colectivo que condensa décadas de traballo, afectos e coidados. 

A memoria de Lola Ferreiro foi onte motivo de celebración na Casa das Máquinas, en Santiago de Compostela. O grupo UTE-pías Feministas, formado polas entidades Feitoría Verde, Libraría Lila, Atalaias, Arabías e Illa Bufarda, presentaron alí o resultado do proxecto 'Saúde, pracer, república e terra malva', unha iniciativa recoñecida co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña 2025 que busca preservar e difundir a traxectoria vital, profesional e activista da médica, educadora e feminista galega, falecida de forma repentina en decembro de 2023.

O encontro reuniu as promotoras do proxecto mais tamén unha ampla representación da rede afectiva que Lola acubillou ao longo da súa vida, a comezar pola familia, as amizades máis próximas e unha parte das persoas coas que compartiu vida e ás que acompañou nos seus días de traballo e activismo.

'Saúde, pracer, república e terra malva' é a máxima que Lola Ferreiro utilizaba sempre para brindar e festexar coa súa xente. Hoxe, tamén é un espazo virtual que compila e afonda no seu legado a través de múltiples formatos. O sitio web que deseñaron UTE-pías Feministas chámase narepublicamalva.gal e funciona como "un caderno de bitácora que convida á exploración e á descuberta mediante colaxes, fotografías, audios ou cartas", explica Pilar Abades, da produtora Illa Bufarda.

En declaracións a Nós Diario, Abades lembra o primeiro encontro das entidades promotoras e os pasos iniciais dunha investigación que se foi enriquecendo co paso dos días. "O primeiro que concluímos é que Lola era unha figura común a todas nós e que despois do seu pasamento necesitabamos ter un momento para lle dedicar a ela e poñelo en común con toda a rede que ela fora tecendo".

Recompilar todo o traballo que Lola Ferreiro realizou ao logo dos anos foi o primeiro desafío. De entrada, "era imposíbel saber a onde chegara", asegura Abades, que conta como o grupo de traballo abriu distintos camiños para indagar na vida e na traxectoria desta feminista comprometida para chegar a reconstruír, de forma colectiva, unha memoria que reflicta todas as súas pegadas.

Feminista comprometida

Ao tempo que comezaron a desenvolver un labor de revisión documental, desde o grupo promotor acordaron facer unha serie de entrevistas que viñeron confirmar a dedicación e a produción intelectual de Lola Ferreiro no ámbito da saúde, a sexualidade, a educación, a afectividade ou a memoria histórica. "Todas tiñamos un vínculo persoal, profesional e de militancia con ela, pero parecíanos fundamental afondar no seu legado para facer unha panorámica dela", comenta a este xornal Patricia Porto, da libraría feminista Lila.

De novo o brinde que Ferreiro repetía en cada celebración guiou as investigadoras, que mantiveron catro conversas individuais –coa irmá da activista, Estrella Ferreiro; co amigo e docente no IES Lamas de Abade Kike Campos; con outra boa amiga "de toda a vida", de Ordes, Ana Calvo, e con María Osorio, "unha persoa que Lola acompañou terapeuticamente cando estaba na cadea– e dúas entrevistas grupais, unha "co grupo T de psicólogas co que Lola se reunía cada 15 días desde o ano 1995, nun traballo de acompañamento e supervisión baixo unha metodoloxía participativa, respectuosa e de bo trato", destaca Porto, e outra cun grupo que acabaron por chamar "de feminismos e afectos", no que a libreira participou como entrevistada. "Eramos oito mulleres, moi amigas, que compartimos con ela activismo feminista e afectos". 

UTE-pías Feministas atopou nesa "constelación de amizades, familia e compañeiras", en palabras de Beatriz López, da cooperativa Arabías, unha resposta "moi xenerosa" que deu conta do compromiso de Lola Ferreiro no persoal, no profesional e na militancia. Así o reflicten tamén as fotografías, textos e lembranzas persoais que as entidades promotoras sumaron ao proxecto grazas a un chamamento aberto á cidadanía, que coas súas achegas contribuíu a agrandar a memoria colectiva arredor dunha figura imprescindíbel.

Etnografía feminista

"Lola móstrase sempre absolutamente lúcida e perspicaz", salientou Raquel Veiga, da cooperativa Atalaias, durante a presentación dun proxecto que combina a "etnografía feminista" cunha metodoloxía colaborativa, integrando as vivencias das persoas achegadas como parte esencial do resultado, salienta Pilar Abades. "Atopámonos de novo cunha Lola xenerosa, que compartía, tecía redes, que coidaba. A pregunta que nos queda é: como sacaba tempo para todo, porque é innúmero canto fixo".

'Saúde, pracer, república e terra malva' artéllase en cinco bloques que debullan o traballo de Lola Ferreiro nesas cinco áreas que guiaron a súa traxectoria vital. Ferreiro, salientaron onte, destacou por incorporar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos aos que se dedicou. Desenvolveu guías, publicou artigos e investigacións, acompañou persoas e institucións e contribuíu á creación de estruturas públicas orientadas á mellora da atención sanitaria e educativa; ademais de traballar na recuperación da memoria histórica, denunciando a represión das mulleres durante o franquismo.

"Lola é de todas, e gustaríanos que a recuperación do seu legado seguise medrando", alentou Patricia Porto durante a celebración.

Defensora dos dereitos das mulleres fronte ao patriarcado

'Saúde, pracer, república e terra malva' está "atravesado polo emocional", salientou Pilar Abades, "e encerra tamén unha parte de duelo". Tal vez por iso a estrea da plataforma dixital que celebra Lola Ferreiro serviu para festexar o reencontro de moitas persoas que a coñeceron. Entre outras, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, quen destacou a loita feminista que Ferreiro desenvolveu a través da ciencia e dos datos. Mostrouse segura de que, no contexto actual, combatería a involución de dereitos coa máxima de que "dato mata relato". Sanmartín resaltou tamén como Ferreiro puxo a disposición da loita feminista os seus saberes científicos e o seu coñecemento para acabar coa ideoloxía patriarcal.

Pola súa parte, Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, salientou "a metodoloxía rigorosa e profundamente humana" do proxecto gañador do Premio Luísa Villalta 2025, "un exemplo de como se pode construír un proceso colectivo que combina arquivo, coidados e acción política". Sobre Ferreiro, dixo, "representa unha maneira de entender a transformación social, desde o ámbito individual ao colectivo".

No acto tamén se anunciou que Lola Ferreiro za ten a súa entrada na plataforma de coñecemento colectivo Wikipedia.