As profesionais da danza denuncian a falta de transparencia da Xunta

O Plan da danza da Agadic segue sen convencer ao sector.
'Fronterizas', de Mari Paula Danza & Performance. (Foto: Aureo Gómez)
'Fronterizas', de Mari Paula Danza & Performance. (Foto: Aureo Gómez)

A Asociación de Profesionais de Artes do Movemento de Galicia (PAM) vén de facer público un comunicado no que informan de que non asistirán á reunión á que foi convocada esta cuarta feira pola Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) para avaliar o desenvolvemento do Plan Integral da Danza (PID). A PAM alega que leva meses reclamando "uns mínimos de transparencia" que "a Administración non está a cumprir".

Segundo o comunicado, a asociación solicitou un informe no que se indicase o que se leva avanzado no PID até o momento, concretando como mínimo as actividades e medidas realizadas xunto cos orzamentos asociados a cada unha, os obxectivos aos que atenden, ou os criterios específicos de avaliación, "para poder facer unha avaliación das actuacións que se están a realizar". Porén, non obtiveron resposta da Agadic. 

Hai que lembrar que o PID naceu no medio da polémica: en 2019, a Xunta anunciou recortes no orzamento do Centro Coreográfico Galego (CCG) e do Centro Dramático Galego (CDG), cando ambos centros estaban sen dirección, despois de que Fefa Noia comunicase a súa marcha do CDG e de que Mercedes Suárez dimitira da dirección do CCG tras durísimas críticas de profesionais da danza á súa xestión. No medio das críticas, o daquela conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sorprendeu anunciando un novo estatuto da Agadic, un movemento interpretado como unha manobra de distracción.

En xaneiro do ano seguinte, Jacobo Sutil, director da Agadic, anunciaba que a figura do director do CCG desaparecería no novo esquema organizativo da Axencia e deixou entrever tamén que o Centro deixaría de existir como unidade de produción, o que foi obxecto de duras críticas por parte do sector.

Ante a reprobación das asociacións profesionais de danza e da petición de dimisión do director da Agadic, Román Rodríguez, reaccionou anunciando -outra vez por sorpresa e sen que as asociacións profesionais soubesen nada ao respecto- un plan para a danza.

En marzo 2023, a Agadic publicaba o Plan integral para a danza. Os profesionais da danza desvinculáronse do PID "polo incumprimento das reivindicacións máis básicas" que desde o inicio do proceso foron trasladadas pola Plataforma en repetidas ocasións á Agadic.

Comentarios