A primeira tradución do libro francés 'María Casares' descobre aspectos da súa vida
Cando coñece María Casares, Béatrix Dussane era unha recoñecida actriz de 51 anos, ligada desde moi nova ao teatro Comédie-Française, tamén coñecido como Théâtre Français, un dos poucos teatros nacionais de Francia. Dussane estivo entregada, após a súa retirada dos escenarios dez anos antes, ás aulas do Conservatoire d'Art Dramatique de París.
A esta prestixiosa escola de teatro chegaba en 1941 Casares, unha moza refuxiada polo golpe de Estado de Francisco Franco.Tivo Dussane como mestra e logo como amiga. A actriz francesa plasmou esta amizade nun libro, titulado María Casares, que a Universidade da Coruña (UDC) vén de traducir e publicar, coincidindo co centenario do nacemento de María Casares.
A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Cristina López Villar, explica en declaracións a Nós Diario como a universidade coruñesa chegou a facer a primeira tradución, neste caso ao galego, do libro francés no que Dussane retrata a súa amizade con Casares. "Sendo o centenario de María Casares no ano 2021, e habendo actos do Concello da Coruña e da Xunta da Galiza, na UDC xurdiu a idea de traducir este libro", explica López. A UDC sumouse así ás conmemoracións institucionais á actriz de renome no Estado francés durante o século pasado.
María Casares tamén estivo "presente fisicamente" nas facultades da universidade cunhas siluetas coas que a institución pretendía difundir tanto a biografía da actriz como a propia tradución inédita a través de códigos QR que enlazan coa historia de Casares.
María Casares desde outro punto de vista
Ademais de ser a primeira vez que se traduce este María Casares do francés, o libro ten, segundo a vicerreitora, unha importancia engadida. A tradución editada pola UDC permitirá ás lectoras e aos lectores coñecer a traxectoria profesional de María Casares desde o punto de vista da súa profesora, pero de maneira máis significativa desde o punto de vista da súa amiga. "Béatrix Dussane permítenos coñecer diferentes aspectos da vida de María Casares como actriz", explica López.
A vicerreitora destaca unha reflexión da profesora francesa, cando Casares xa dera o paso á actuación cinematográfica. Dussane mostra en María Casares como ten nostalxia dos días da actriz galega sobre os escenarios dos teatros franceses e devece por volver compartir con ela eses espazos.
"Pasado o tempo, desde o momento actual podemos ver que isto si aconteceu", explica López a Nós Diario. "María Casares fixo algunhas películas pero a súa gran paixón e o que sempre tivo como prioritario foi o teatro", engade.
A través das verbas de Dussane podemos coñecer, agora tamén en galego coa tradución da UDC, a historia desa moza da Coruña que chegou a Francia logo do exilio do seu pai, o político Santiago Casares Quiroga (que fora ministro e xefe de Goberno da Segunda República española baixo a Presidencia de Manuel Azaña).
Unha moza galega que chegou a converterse nunha das actrices, tanto de teatro como de cinema, de máis prestixio do Estado francés.
"A unha Galiza que atopo a milleiros de légoas do Miño"
A UDC agasallou o público asistente á presentación do libro, en colaboración coa Fundación Luis Seoane, o faxsímil dunha postal da revista Galicia Emigrante na que Casares asina "Un saúdo agarimoso a unha Galiza que atopo a milleiros de légoas do Miño". Aínda que exiliada desde moi nova por mor da ditadura franquista, María Casares "nunca esqueceu o país que acolleu os seus primeiros anos", explica Cristina López Villar.