Presentan as Residencias Artísticas Mariñán de música e literatura e pensamento
A área de cultura da Deputación da Coruña presentou esta sexta feira as Residencias Artísticas Mariñán 2025; un proxecto que chega á terceira edición e está destinado ao apoio á creación artística. A deputada de cultura, Natividade González, explicou os detalles da iniciativa acompañada da comisaria das residencias musicais, Aitana Cuétara, e o das de literatura e pensamento, Roberto Abuín.
Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que as creadoras e creadores poderán traballar no Pazo de Mariñán entre 31 de marzo e o 11 de abril.
No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas.
"Trátase dun dos proxectos máis fermosos e dificultosos. Non contamos cunha obra final, nin estamos mercando un produto, senón que apostamos polo propio proceso creativo, e ese é precisamente o sentido que queremos darlle" sinalou Natividade González.