A Rede Cultural da Deputación da Coruña terá en 2025 un orzamento de case dous millóns de euros
O catálogo da Rede volverá acoller os programas ‘¡Escena ao vivo!' 'Visións', 'Lingua a Escena!' e 'Alicerce', para propostas de música, danza, teatro, maxia, monicreques, narración oral, cinema e outros contidos audiovisuais.
A Rede Cultural da Deputación da Coruña terá en 2025 un orzamento de 1.975.000 de euros. O prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto desde o 17 de xaneiro até o 6 de febreiro. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75% dos espectáculos, dependendo do número de habitantes de cada municipio.
Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: "Escena ao vivo!" (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), "Visións" (cinema e contidos audiovisuais), "Lingua a Escena!" (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e "Alicerce" (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais). No caso de "Alicerce", ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
"Seguimos facilitando un relevante espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade en toda a provincia e, polo tanto, orientamos de tal xeito que favoreza a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolveren propostas culturais atractivas para os seus veciños e veciñas", destacou a deputada de Cultura, Natividade González.
Natividade González lembrou que en 2024 a Rede Cultural programou un total de 1.182 espectáculos, que chegaron a 91 localidades do territorio, "en beneficio non só da veciñanza, pois tamén ofreceron un circuíto de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega".

