Zaza Ceballos, directora de cinema

“Preocupábame se o guión de 'Contou Rosalía' era demasiado atrevido para a televisión”

[Imaxe: Xurxo Lobato] Á dereita, Zaza Ceballos

Hai pouco máis dunha semana Zaza Ceballos remataba a rodaxe de Elisa e Marcela, o filme galego de Isabel Coixet. Entusiasmada co resultado, ao que achegou o seu traballo como produtora executiva, presume das profesionais do mundo audiovisual en Galiza. “O nivel está altísimo. Só nos falta experiencia, é dicir, rodaxes e rodaxes”, di. Non é o seu caso. Veterana da televisión, dirixiu biopics sobre Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Juana de Vega. E vén de estrear o telefilme Contou Rosalía, a primeira aproximación á poeta desde a imaxe en movemento. Eis un extracto da entrevista que publicamos no número 300.

Por que Rosalía de Castro?

 

Antes fixemos Pardo Bazán, Concepción Arenal, Juana de Vega... Ningunha fora levada ao cinema. En 2006 fixera A Bela Otero. Deixei Rosalía para o último porque lle tiña moito respecto. Cría que debiamos agardar un pouco. Pero había que facela.

 

A que cre que se debe que ninguén abordase antes a súa figura no cinema?

 

Non teño nin idea. Abráiome de que nunca se fixese nada. E alégrame, porque nós fomos os primeiros. Pero non sei. Hai moi bos guionistas, moi bos cineastas, moi boa produción.

 

E hai materiais sobre os que traballar.

 

É verdade. Fixéronse obras de teatro, novelas, música... Por que ninguén a puxera a andar, a camiñar, a moverse, a falar? Pensei que entre que recibín o guión e o momento de facer Rosalía, alguén o faría. Creo que foi un acerto pola nosa banda agardar a facer antes as demais. Comprendemos mellor a época. Aínda que o guión foi o mesmo, podiamos comprender un pouco máis a situación.

 

Escolleu a etapa madrileña da escritora como corazón da trama. Por que?

 

Porque é a Rosalía que máis quero recordar. Nesa etapa é todas as Rosalías e ao mesmo tempo é o que quere ser. E Rosalía quere ser antes que nada literata. Ademais é unha Rosalía namorada, no seu mellor momento. É unha Rosalía que comeza, libre. Cando non tes nada que perder, es moi libre. Tamén se atopa nunha encrucillada, porque ela vai resolver a súa vida. Vai comprender o mundo e coñecer o seu home, importantísimo na súa vida. O home importante detrás dunha muller importante.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 300 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]