Os Martín Códax da Música incorporan un xurado con profesionais do sector

Estes premios da música galega veñen de presentar a súa cuarta edición, que chega con varias novidades. O prazo para inscribir os proxectos pecha o vindeiro 5 de marzo. 

presentacion__
photo_camera Un momento da presentación dos Premios esta mañá.

A presentación da cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música tivo lugar esta cuarta-feira na Sala Riquela, en Compostela. A Panadaría Teatro, que conducirá de novo a gala desta edición o 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra e protagonizará o spot de lanzamento desta 4ª edición, foi a encargada de dar comezo á inauguración cunha pequena intervención musical.  Esta nova convocatoria ten dúas grandes novidades: non poderán presentarse os proxecto premiados na anterior edición, co fin de dar a outros traballos máis oportunidades e visibilización. Ademais, modificase o sistema de votacións para introducir na segunda fase un xurado integrado por profesionais do sector musical. 

O novo proceso de votación

Na primeira rolda votarán, coma sempre, as socias e os socios de Músicos ao Vivo, que escollerán a 3 finalistas por cada categoría. A continuación, un xurado (integrado por un xornalista, un representante das salas, un representante da industria musical, un representante do ámbito da formación musical e 3 músicos) decidirá as e os gañadores. A composición do persoal do xurado será secreta, mesmo para os propios membros, e darase a coñecer unha vez rematada a fase de votacións de finalistas. O único que non decidirá este xurado será o Premio Honorífico, que lle corresponde á directiva de Músicos Ao Vivo. 

Categorías

Este ano volven convocarse 16 categorías musicais: pop e indie; rock; blues, funk e soul; metal; canción de autor; hip hop e músicas urbanas; reggae, ska e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional galega; folc; músicas do mundo; música infantil; orquestras, grupos e músicas de verbena; e coros e música vogal.