Os Premios Martín Códax multiplican as súas inscricións na súa edición 2020

A afluencia de inscricións, 581, supera xa en 139 as da pasada edición. Con todo, o estado de alarma fai que non sexa posible celebrar a festa de finalistas prevista para o vindeiro 15 de abril.

A gala dos Premios Martín Códax da Música, na súa sexta edición (Foto Nós Diario)
photo_camera A gala dos Premios Martín Códax da Música, na súa sexta edición (Foto: Nós Diario)

A pesar da situación actual debida ao estado de alarma por coronavirus, “na medida do posible” os Premios Martín Códax da Música Galega “van tentar” respectar as datas e os seguintes pasos a seguir no calendario anunciado, segundo afirman desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos.

A afluencia de inscricións, 581, supera xa en 139 as da pasada edición. Con todo, o estado de alarma fai que non sexa posible celebrar a festa de finalistas prevista para o vindeiro 15 de abril.

Non obstante, e tal e como estaba previsto, do 23 de marzo ao 5 de abril un xurado profesional formado por dúas músicas ou músicos, unha persoa representante dos medios de comunicación, outra da industria e outra da formación musical, procederá á selección dos 3 proxectos finalistas de cada categoría.

Elas tamén terán que seleccionar as e os finalistas das 17 categorías de entre máis de 500 proxectos inscritos. Estas cifras supoñen “un grandísimo éxito” e “evidencian a necesidade dos Premios”, xa que foron moitas máis que na pasada edición as persoas que decidiron daren visibilidade aos seus grupos e propostas musicais”, sinala Músicas ao Vivo.

Aumento de propostas en todas as categorías

Concretamente, en 2019 foron 442 proxectos os presentados, con 391 musicais, 11 salas, 25 festivais e 15 medios de comunicación. Neste 2020 todas as categorías aumentaron en volume de propostas, o que supón máis de 30% con respecto á anterior, xa que foron 24 salas, 36 festivais, 20 medios e 501 musicais os que se presentaron, procedentes de todos os puntos da xeografía galega e doutros lugares tan dispares como Taiwan, Holanda, Londres, Sajonia, Sacramento ou Cardiff.

Comentarios