Pontevedra será a capital dos títeres da man de Titirivedra

A cidade do Lérez acollerá entre o 15 e o 21 de xullo outra edición de Titirivedra. Tanxarina representará a aclamada 'Titiricircus'.
Demetrio Gómez, Andrés Giraldez e Miguel Borines (Foto: Nós Diario).
photo_camera Demetrio Gómez, Andrés Giraldez e Miguel Borines. (Foto: Nós Diario).

Pontevedra será a capital dos monicreques entre o 15 e o 21 de xullo. Eses días chega á cidade do Lérez o ciclo cultural Titirivedra, unha aposta cultural que desde o consistorio cualifican de "imperdíbel para todas familias" mais tamén "para que os seus acompañantes adultos poidan desfrutar a través das distintas capas de comprensión e dinamismo que cada función propón". Na presentación, esta cuarta feira, o edil de Festas, Demetrio Gómez, sinalou que esta edición poderán verse sete compañías con sete espectáculos diferentes, cinco delas galegas e dúas lusas 

"Seremos a referencia dentro da Galiza deste tipo de espectáculos que teñen unha fonda tradición no país», indicou Gómez en rolda de prensa, "queremos ter un sitio neste eido con espectáculos de altísima calidade que abren a porta a un repaso por distintos clásicos da historia da literatura", agregou.

Un dos exemplos é a compañía Tanxarina, que este ano achega Titiricircus, unha obra que xa realizou 1.500 funcións polo que pasou a ser a obra teatral en galego máis veces representada -polos seus creadores orixinais- no mundo.

Esta proposta de Tanxarina é, en si mesma, unha referencia polo que dous membros da compañía, Andrés Giráldez e Miguel Borines, estiveron na presentación do ciclo. Ambos os dous apuntaron que Titiricircus é unha proposta que "mestura o teatro de actores cos monicreques".

Trátase do primeiro espectáculo de Tanxarina e estivo de xira con el durante catro décadas por América, Europa e África, con moitas paradas en Portugal e na Galiza. Durante as súas xiras, Tanxarina percibiu que esta obra "é xogo, é diversión, é fantasía e, ao mesmo tempo, chega dentro" tanto para as persoas que o representan como para o público. 

Programación

O ciclo comezará o 15 de xullo coa obra As mil e uma noites, de Caricata Teatro para seguir, ao día seguinte, coa representación de O galo Quirico, de Monicreques Seisdedos. Na terza, chegará Novos lobos, de Fantoches Baj para seguirlle, na quinta, Raio The Loubicán, de Monicreques Mircromina. O 19 a obra será A pita xefa, de Monicreques Alakrán e o sábado 20 Polichinela titor de Pierrot, de Danthea Teatro. O ciclo rematará o 21 de xullo con Titiricircus, de Tanxarina.

Comentarios