Pontevedra incorpora Santa Clara ao Día Internacional da Narración Oral
O Concello de Pontevedra presentou esta terza feira o seu programa para celebrar o Día Internacional da Narración Oral 2022 este domingo 20 de marzo. O denominado 'Festival dos Sete Falares', unha cita consolidada na cidade, contará para a ocasión co convento de Santa Clara.
A concelleira de Festas, Carme de Silva, sinalou no acto que era "o mellor sitio para contar" e "ideal por conter 750 anos de historia e historias".
No anuncio da programación estivo presente Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós, que lembrou o comezo do do festival que naceu coa "idea de festexar unha celebración moi especial, que naceu en Suecia no ano 91 cando un grupo de contadores de historias decidiu conmemorar a súa vocación, lembrando esa noite de equinoccio no que agardaban a chegada da primavera contando relatos toda a noite".
Manifesto de Reigosa
Rodríguez indicou que "un país que perde os seus narradores perde a súa infancia… Nós cremos que un país que perde os seus narradores perde a súa historia". Este narrador apuntou que este ano Antonio Reigosa, escritor e divulgador da tradición oral galega, foi o autor do manifesto que se lerá en todas as sesións de contos que se farán en máis de 30 lugares de toda a Galiza de maneira simultánea para conmemorar a data.
Para conseguilo conta, ademais de coa colaboración de Pontevedra, de Falando a Boca Chea da Coruña e os integrantes do colectivo Narración Oral Galega (NOGA). Reigosa, rememora na actualidade a importancia e a necesidade que hai de ter historias a viva voz, de contar e escoitar. "Contar é escoitar a fonte do saber", asegura no texto que reivindica a memoria e a lingua a través da palabra.
Actividades da xornada
A xornada comezará un Roteiro de contos no Salón do Libro. Unha cita que terá como protagonistas a Bea Campos, Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Raquel Queizás, no Pazo da Cultura, ás 11.30 horas e destinado a un público familiar. Non necesita de inscrición previa e abondará acudir un tempo antes da hora sinalada para o seu comezo para poder gozar do evento.
Pola tarde, ás 19.30 horas, Candido Pazó e Quico Cadaval contarán contos e historias desde a igrexa de Santa Clara, nun espectáculo destinado a público adulto e para o que se precisa inscrición previa través da web oficial. A ocupación máxima, neste caso, é de 150 persoas e a solicitude non ten custo algún. O prazo para a recollida de nomes comeza hoxe ás 15 horas.