A poderosa intuición pictórica de Berta Cáccamo
“Berta Cáccamo representa unha figura bastante singular na pintura galega”, explica De Nieves a Sermos Galiza, “que se formou fóra e tivo uns referentes distintos aos dos seus coetáneos”. Nada en Vigo en 1963, Cáccamo estudou en Catalunya. Foi alí onde coñeceu a influencia que máis decisivamente marcou a súa primeira etapa: o informalismo de Antoni Tàpies. Incorpora ademais trazos expresionistas e segue o seu camiño.
40 cadros en Cambados
É esta pintura a que se exporá en Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistros dun percorrido vital. Confórmana uns 40 cadros, cinco ou seis obxectos escultóricos e uns dez cadernos “importantísimos para coñecer o seu proceso creativo” e que inclúen debuxos e reflexións estéticas. Estará no Pazo Torrado de Cambados, de propiedade municipal, até o 3 de novembro.
O Legado Berta Cáccamo é a fonte principal da mostra. Baixo ese nome, a familia da pintora habilitou un espazo en que abeirar a obra e documentación que Cáccamo tiña no seu estudio de Coruxo. Agora atópase depositado en Vilaboa. Da súa custodia encárgase o seu irmán, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo -que vén de publicar unha estremecida elexía á súa morte, Berta (Chan da Pólvora, 2019)-, o propio Juan de Nieves e o crítico Carlos Luís Bernárdez.
Enteiramente pintado é unha das primeiras medidas do Legado. Apalabrada pola artista en vida, finalmente De Nieves ocupouse de levar a exposición a termo. O Concello de Cambados tamén publicará un libro con textos do comisario, de Álvarez Cáccamo e do escritor e editor Antón Lopo, e mais fotografías “in situ” da pintura de Cáccamo.
Nota: foto de Berta Cáccamo e obra de 1991. Imaxes: cedidas.