Primeira mostra despois da súa morte

A poderosa intuición pictórica de Berta Cáccamo

A súa morte intempestiva con apenas 54 anos sacudiu a pintura galega. Atrás quedou unha extensa, valorada obra, que partiu a mediados dos 80 de calidades matéricas para se adentrar na mancha, na intuición, na síntese. Esta sexta feira, 27 de setembro, Cambados acolle a primeira mostra póstuma de Berta Cáccamo. Juan de Nieves exerceu de comisario.
enteirmanete pintado
photo_camera Peza de Berta Cáccamo datada en 1996. Imaxe: cedida.

“Berta Cáccamo representa unha figura bastante singular na pintura galega”, explica De Nieves a Sermos Galiza, “que se formou fóra e tivo uns referentes distintos aos dos seus coetáneos”. Nada en Vigo en 1963, Cáccamo estudou en Catalunya. Foi alí onde coñeceu a influencia que máis decisivamente marcou a súa primeira etapa: o informalismo de Antoni Tàpies. Incorpora ademais trazos expresionistas e segue o seu camiño.

BertaCaccamoQue a leva, xa na década dos 90, a formular a súa propia linguaxe. “Abstracta, en que o material resulta tan importante como a propia pintura. Ten especial querenza polas lonas, que ela mesma recolle e sobre as que traballa”, sinala De Nieves, quen liga a arte de Berta Cáccamo ao concepto de intuición. “Foi unha artista dunha inusual intuición pictórica”, di, “cuxa obra parece ter unha vontade fóra, máis alá do propio xesto”.

40 cadros en Cambados
É esta pintura a que se exporá en Berta Cáccamo. Enteiramente pintado: rexistros dun percorrido vital. Confórmana uns 40 cadros, cinco ou seis obxectos escultóricos e uns dez cadernos “importantísimos para coñecer o seu proceso creativo” e que inclúen debuxos e reflexións estéticas. Estará no Pazo Torrado de Cambados, de propiedade municipal, até o 3 de novembro.

SenTitulo_1991

O Legado Berta Cáccamo é a fonte principal da mostra. Baixo ese nome, a familia da pintora habilitou un espazo en que abeirar a obra e documentación que Cáccamo tiña no seu estudio de Coruxo. Agora atópase depositado en Vilaboa. Da súa custodia encárgase o seu irmán, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo -que vén de publicar unha estremecida elexía á súa morte, Berta (Chan da Pólvora, 2019)-, o propio Juan de Nieves e o crítico Carlos Luís Bernárdez.

Enteiramente pintado é unha das primeiras medidas do Legado. Apalabrada pola artista en vida, finalmente De Nieves ocupouse de levar a exposición a termo. O Concello de Cambados tamén publicará un libro con textos do comisario, de Álvarez Cáccamo e do escritor e editor Antón Lopo, e mais fotografías “in situ” da pintura de Cáccamo.

Nota: foto de Berta Cáccamo e obra de 1991. Imaxes: cedidas.

Comentarios