Opinión

Re(de)pública do conto (1)

Cataluña triomfant

O Sisí apareceu antes das oito da mañá polo bar da Otilia. Non había ninguén máis no local. A Otilia estaba acomodada nunha das mesas tomando un café. O Sisí sentou onda ela.

 


Cataluña triomfant

O Sisí apareceu antes das oito da mañá polo bar da Otilia. Non había ninguén máis no local. A Otilia estaba acomodada nunha das mesas tomando un café. O Sisí sentou onda ela.

      -Que foi, señor alcalde?- preguntou a Otilia despois dun longo grolo.
      -Bo día. Pódeme poñer un café dobre? -dixo o Sisí-. Boa falta me fai. Ando preocupado polo do Xenaro. Está moi pesado co asunto da súa aldea. Teño que poñerme a ton antes de ir ao concello. Hoxe vai vir outra vez por alí. E en compañía da Genucha, a correspondente do xornal, xa sabe vostede.

A Otilia foi ata a barra e volveu con dous cafés: un para o alcalde e outro para ela. 
        -Non durmín ben esta noite- recoñeceu a muller.
        -Eu tampouco por culpa desta lea. Estou  farto de aturar as parvadas da xente. E aínda máis se van falar coa prensa. O dito: parvadas! 
         -E logo pensa que o do Xerano é unha parvada? 

"Témolo todo atado e ben atado... Non imos permitir que esa aldea do demo se segregue. Faltaría máis!"

         -Iso que pretende el e mais a xente da súa aldea non é unha parvada, é unha soberana tolemia. Pero xa falei cos de arriba. Témolo todo atado e ben atado... Non imos permitir que esa aldea do demo se segregue. Faltaría máis! Pensan que con xuntarse a protestar catro gatos e un can van conseguir algo.

         -Ten vostede moito traballiño, si señor. A min chégame ben con levar o bar.
         -A realidade é a realidade. Éche o que hai e tócalles apandar. 
         O Sisí bebeu un groliño de café.
         -Eu fago igual cos ratos que andan por aquí- falou toda chea a Otilia-.  Esmágoos!- deu un golpe co pé no chan. O Sisí pegou un pequeno chimpo-. O meu negocio está por riba deles.
          -Ben falado, Otilia.
O alcalde rematou o café de vez e ergueuse cun sorriso debuxado na faciana. A Otilia recolleu a mesa e foi ata a barra.
           -Vou poñer o cocido ao lume- dixo desde alí.
O Sisí marchou sen máis pensando en canto lle prestara aquel café coa Otilia. 

Comentarios