PEPE BARRO

Pepe Barro “Como deseñador é un orgullo poñerlle imaxe á manifestación do 25X” 

Con corenta anos de traxectoria, Pepe Barro converteuse nun dos principais nomes da historia do deseño galego. Fala con admiración de Castelao e Seoane como pioneiros en reflexións que deita no libro O como é o que conta. Pepe Barro é o autor da imaxe da manifestación pola unidade do 25X.  

PepeBarro (1)
photo_camera Pepe Barro

-Como autor da imaxe da manifestación do 25X, que mensaxe quixo transmitir?

As imaxes son moi abertas, máis que a linguaxe mesma, e préstanse a moitas interpretacións mais neste caso todo o mundo identifica a bandeira. Recóllese un referente claro que é a nosa bandeira e hai unhas liñas oblicuas que parecen unirse nun lugar, tenden a confluír. Coido que iso é o que le todo o mundo. Trátase de expresar algo moi elemental. Que logo se podan ver máis elementos e máis suxestións depende de quen o interprete. A referencia clara é á bandeira e a esa chamada á unidade. No contexto galego, creo que se ve con claridade. Os contextos son moi importantes mais en certa ambigüidade reside a forza da poética. 

-Non é a primeira vez que vostede “deconstrúe” a bandeira. En certa medida, a imaxe lembra a camiseta da selección galega, deseño tamén da súa autoría...

A bandeira está en moreas de propostas, mesmo no cartaz do Festigal, poño por caso, se pode ver. En  principio, non ten a ver coa camiseta da selección aínda que tamén aí había unha idea de grupo, de moitos dicindo o mesmo... A nosa bandeira, de todas maneiras, ten un problema gráfico que é que non se pode estender mais, sen embargo, ten unha grande vantaxe que é a diferencia da inmensa maioría pola singularidade de ser unha banda diagonal o que lle dá outra forza. 

-Corenta anos de profesión e o tema da identidade moi presente en moitos dos seus traballos... 

É unha temática que cito con frecuencia, non sei se por azar ou por necesidade. Traballo moito nestes campos. De todas maneiras, un dos xéneros que temos os deseñadores gráficos é a identidade, ben sexa de empresa, de institucións, de eventos... e un reflexiona sobre o que significa en cada caso concreto. Este si é un traballo claro de reflexión sobre a identidade. 

-Como recibe a encomenda de darlle imaxe a unha manifestación como a do 25X?

Como unha honra. Que te chamen para algo así supón sentirte parte dese sentimento de que xuntos podemos avanzar. Isto é o que defendemos moitos e desde hai moitos anos e non sexa de ser unha felicidade que cadre a encomenda co que ti pensas. Os profesionais temos que facer moitos traballos cos que non concordamos aínda que debe haber un tanto por cento de complicidadepepebarro3 con quen o encarga. Neste caso é unha felicidade que os compañeiros e amigos boten man de min para esta imaxe. 

-En canto á relación de identidade e deseño, no libro que vén de publicar O como é o que conta (descarga de balde na páxina web da Asociación Galega de Deseñadores), chama a atención de que dous dos “pais da Patria” como son Castelao e Seoane son deseñadores.

Tanto nun como  no outro, aínda que non sexan actividades únicas, son centrais. No caso de Castelao é claramente vocacional e unha faceta moi querida e o certo é que en ningún dos dous está a súa obra estudada neste campo. 

-En canto deseñadores, eran avanzados?

No seu momento, eran. Con todos os atrasos técnicos que tiñamos gozaban dunha ambición intelectual que facía que a súa obra fose comparábel con calquera deseñador de calquera país. 

-Nese deseño para identificar un país, vostede inclúe tamén a Isaac Díaz Pardo. 

É a pedagoxía que Seoane fixo con Isaac que foi formado en Madrid no rexime franquista mais sabía onde vivía. Naquela posguerra non había no Estado Español información sobre o que significaba o deseño e as vangardas europeas que si tiña Seoane nunha cidade como Bos Aires. Por vontade propia era unha persoa moi informada. Neira Vilas di que era o galego polo que pasaban máis libros pola súa man, dous ou tres ao día, comentaba. Era unha persoa moi informada e transmitiu a Isaac esa bagaxe. 

-No seu libro cita con admirapepebarroción unha frase de Seoane: “Quero enriquecer o mundo coa nosa diferencia”, é tamén a súa idea?

Non sempre é posíbel e non sempre acertas. Os deseñadores debemos partir das limitacións e riquezas que ten cada encomenda que se dan nunha sociedade determinada mais non cabe dúbida de que as correntes do pensamento son mundiais no noso tempo mais tamén no Románico, poño por caso. O da globalización non é algo tan recente. Existe unha linguaxe formal, unha bagaxe teórica que todos practicamos. Esa frase que é bandeira para Seoane é importantes para os galegos mais non sempre é posíbel nin doado. 

-Poderíamos citar moitos deseños máis seus, a web da RAG, a Casa-Museo de Rosalía, a de Dieste... mais vostede móstrase especialmente gabancioso do paquete para os ovos do Pazo Vilane...

O fondo do que fun beber é da produción de Barcelos, no norte de Portugal que, ao meu ver, é tamén a nosa cultura. Dese fondo de decoración popular nace a inspiración na que se basea a imaxe da caixa de ovos. A decoración popular adoita ser imperfecta, manual, e transmite o coidado artesán, lonxe da produción industrial e seriada. Iso é o que se quería explicar nesa caixa. 

-Demostra que o deseño proporciona valor engadido a un produto?pepebarro2

Neste caso así foi. Deulle identidade para un tipo de produto que naquel momento, no 97, non existía. Quería explicarse que as galiñas dispuñan de un espazo enorme para entrar e saír como lles petase e iso era a novidade que tiña que ter unha expresión tamén diferente nos lineais dos supermercados. Foi un produto que sentou unha tipoloxía non só na Galiza senón, como se vende tamén noutros lugares, tamén se tentou copiar a caixa e hai referencias ao seu deseño noutros produtos. 

-Neste momento, expón na Galería Vilaseco as súas “Doce miradas”, cadernos de debuxo que chama a atención que veñan dun deseñador ao que se lle presupón traballar sempre con ordenador... 

Trátase dunha pequena intervención dentro dun ciclo no que se convida a diferentes persoas de ámbitos moi distintos con doce pezas en tamaño A4 que se expoñen na biblioteca e que se complementan cunha charla dun autor. Eu elixín pezas que teñen a ver coa miña vida e co que me influíu. Optei por acudir a imaxes tiradas dos cadernos cos que traballo nos que anoto desde a lista da compra até apuntes de viaxes... Dalgunha maneira teñen a ver coa miña vida. Eu traballo con ordenador desde hai tempo mais continúo empregando cadernos e debuxando e anotando neles. 

Comentarios