Esta quinta feira (23 de xullo) o grupo promotor do Manifesto pola Unidade presentou en comparecencia de imprensa os últimos detalles a respeito da marcha do Día da Patria.
A dous días de se celebrar e após dúas semanas de recollida de sinaturas o chamamento de convocatoria recompilou 1.300 sinaturas, segundo explicaron. A súa leitura na Praza da Quintana ao remate da mobilización correrá a conta de catro persoas: Alba Cuba, Valentín García Bóveda, Patricia de Lorenzo e Federico Pérez Rei nun acto que contará co artista Xurxo Souto como mestre de cerimonias.
Aliás, contará coas actuacións de Uxía, Mercedes Peón, Alba María e Lidia Botana que porán o ton musical á xornada.
En comparecencia de imprensa o grupo promotor amosou o seu agradecemento ás organizacións e colectivos que nos últimos días apoiaron publicamente a convocatoria das que din, amosaron "moita humildade" ao recoñecer "a voz da sociedade civil". Asemade, afirman que "xa é un éxito" ter conseguido sacar adiante o formato da mobilización que, por vez primeira na historia, non foi convocada por ningunha organización partidaria.
Alba Cuba, Valentín García Bóveda, Patricia de Lorenzo e Federico Pérez Rei serán as persoas encargadas de dar leitura ao manifesto
"Non queremos que ninguén fique na casa", sinalan, nun chamamento dirixido --nomeadamente-- a aquelas persoas que non acostuman a se manifestar, tampouco no Día da Patria galega.
Neste senso, na parte frontal situaranse as persoas asinantes do manifesto e sen simboloxía partidaria. Así as cousas, subliñan desde o grupo promotor, "queremos que veña todo o mundo" nunha xornada marcada pola "pluralidade" de "todas as cores políticas". "A liberdade está por riba de todo", din.
A faixa de cabeceira será portada polas persoas que así o solicitaron através da rede e decorrerá en "quendas", explican, nun día no que a mobilización debe servir, acrecentan, para "amosar a nación galega ao mundo con ledicia".