Os pasos de Lorca na Galiza

A figura de Federico García Lorca continúa a ser un lugar de encontros e desencontros para a cultura galega. Durante o final do século XX a autoría real dos Seis poemas galegos e o papel na súa creación de figuras como Eduardo Blanco Amor ou Ernesto Guerra da Cal foi fonte dunha polémica que aínda ecoa hoxe. Porén, as distintas caras e facetas do granadino continúan sendo obxecto de reivindicacións e tamén de desmitificacións. Entre o mártir republicano e a figura LGBTQ existe tamén un Lorca que quixo ser escritor en lingua galega.
CEDIDA ED ALVARELLOS - Lorca na Quintana o 24 de agosto de 1932
photo_camera Lorca na Quintana o 24 de agosto de 1932. (Foto: Cedida Ed. Alvarellos)

"E incríbel que haxa locais onde estivo Lorca, como o Bar Viño, que sigan abertos e co mesmo nome”. Henrique Alvarellos leva anos na teima de perseguir o poeta polas rúas estreitas da súa propia cidade. Fronte a algunha placa institucional, recoñece que os negocios privados, como este bar de Mazarelos ou o Hotel Compostela son máis refractarios a recoñecer ese rastro, algo que non deixa de ser unha oportunidade perdida. Tras publicar varias obras coa súa editora sobre o tema, acaba de saír á luz Federico García Lorca en Santiago de Compostela.

O lanzamento coincide con varias actividades, como un roteiro que realizou na primeira quincena de outubro polos escenarios dese Lorca xacobeo, cunha vinculación coa cidade e coa propia cultura galega que é moito máis que anecdótica. “A miña ambición é que Santiago sexa considerada cidade lorquiana, como Nova York ou Buenos Aires, que nos reunamos o 5 de xuño ás cinco da tarde para lembralo”.

A reivindicación aspira a apousentar un “Día de García Lorca en Galicia” e tamén a deixar a súa propia pegada na cidade: o 25 de outubro unha escultura de Lorca acompañará as xa presentes de Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo na Alameda compostelá. Será nas escaleiras de Fonseca e mirando á de Rosalía de Castro.

Trátase dunha relación entre ambos os poetas que non é casual e que o propio Alvarellos destaca especialmente no libro: “Cando Christian de Paepe exhuma a poesía de mocidade de Lorca en 1994 moi pouca xente repara na intensa presenza de Rosalía de Castro neses poemas inéditos”. Alén dunha explícita “Salutación elegíaca a Rosalía de Castro” (Quiero que con estos claveles sangrientos / Llegue a tu sepulcro mi llanto y mi voz), Henrique Alvarellos identifica ritmos e tópicos rosalianos como a negra sombra, unha influencia que ten certa continuidade na poesía que Lorca comeza a publicar anos despois.

O editor ten clara a calidade de poeta como produtor en lingua galega: “vese claramente nos orixinais de “Danza da Lúa en Santiago”, que está producido nun galego cheo de erros, pero da propia pluma do autor, e sen correccións de ninguén”, comenta, recoñecendo porén o clásico papel que de “dicionario vivo” tería Ernesto Guerra da Cal nos poemas galegos. Porén, para Henrique Alvarellos, hai máis elementos para aceptar a Lorca na galeguidade, un deles a propia vontade do granadino de ser autor en lingua galega.

“Como dixo Fernández del Riego, non podemos esquecer que Lorca veu a nós, a súa relación coa galeguidade é unha opción persoal non forzada por outros actores para dar lustre á nosa literatura”. Menciona tamén unha cita que se conserva na correspondencia con Blanco Amor na que Lorca alude á súa escrita en galego como máis “vocacional”, fronte ao peso da profesionalización que lle impuña escribir en castelán.

As dúbidas

Máis dúbidas neste sentido formula Antón Lopo, director da editorial Chan da Pólvora: “Hai estudosos como Arturo Casas que pensan que non forma parte da literatura galega aínda que teñamos eses poemas autógrafos onde se ve que escribe persoalmente un galego con erros”. Porén a calidade do autor non é discutíbel: “para min representou toda unha descuberta na nenez e na adolescencia, son dunha xeración que non estudaba galego e os poemas galegos de Lorca foron a consciencia de que a nosa lingua era universal. Aínda hoxe o considero unha desas voces únicas da poesía, como a de Rosalía de Castro ou a de Fernando Pessoa”. Chan da Pólvora presentaba en 2018 unha edición crítica dos Seis Poemas Galegos feita por Luís Cochón e Manolo González.

“En realidade é unha primeira edición, pois son autógrafos e apógrafos que non estaban editados e onde tivo moito peso o arquivo de Blanco Amor”. Lopo describe este libro como unha edición pedagóxica pero que porén incluíron en “Rabo de egua”, “a única colección maronda da edición galega”, comenta, destacando a faceta do autor como un símbolo das minorías LGBTQ...

Prestaríache continuar a ler este artigo? Podes facelo mercando o número de Nós Diario desta sexta feira nos quiosques ou na nosa loxa online. Evita perder temas apaixonantes subscribíndote e recibindo o xornal na casa!

Comentarios