'Lorca namorado' estréase o 30 de maio

Muiñeira, bulería e jazz para celebrar o Lorca galego

As catro viaxes a Galiza de Federico García Lorca aínda non remataron. No seu esteiro naceron edicións e reedicións dos Seis poemas galegos -dúas no último ano-, roteiros que lembran o paso do poeta ou posicionamentos a prol dun Día das Letras para o escritor. E este 30 de maio, na Praza da Quintana de Compostela, estrearase un espectáculo musical ambicioso e mestizo, Lorca namorado.
 

García_Lorca_en_Betanzos_con_R._Fernández_Cid,_J._Álvarez_Sánchez-Heredero,_F._Esteve_Barbá_e_J._Barbeito._Maio_1932
photo_camera García Lorca (centro) en Betanzos en maio de 1932. Con el, Ramón Fernández Cid, Josñe Álvarez Sánchez, Francisco Esteve e José Barbeito. Foto: cedida.

“Non é máis ca unha devolución, unha mostra de gratitude ao Lorca que escribiu en galego e que quixo achegarse a unha cultura allea á del, a galega”, resume Abe Rábade, aclamado pianista de jazz, director musical do proxecto e compositor do material que se interpretará no concerto -enmarcado na programación das Festas da Ascensión da capital. “Lorca fixo un acto de amor á cultura galega e aos seus poetas, e tamén a persoas concretas que coñeceu en Galiza”, engade

LORCA NAMORADO

Foi sobre todo nun dos seus periplos de 1932 -ese ano veu en tres ocasións-, á fronte da compañía teatral La Barraca, cando tendeu as pontes máis sólidas co país e as súas artes. “Tamén celebramos o amor entre dous homes”, sinala Rosa Bugallo, con Rábade autora da idea orixinal da homenaxe. As amizades e amores de Lorca en Galiza atópanse ao fondo da iniciativa.

“Quixen humildemente corresponder ao poeta e, nesa dirección, achegarme á cultura andaluza e, en concreto, á cultura flamenca”, explica Abe Rábade. Un ano de traballo sobre os Seis poemas galegos, cuxos títulos inclúen referencias explícitas á música -madrigal, cantiga, noiturnio, canzón, danza-, serviulle para “entrar até a cociña” dos textos, acabar “sabéndoos de memoria” e estabelecer unha relación de intimidade cos mesmos.

As composicións musicais “parten de dous alicerces, a tradición galega e a tradición flamenca”. Ás que engade o terceiro guecho da trenza: o jazz. “A idea foi non separalas de todo”, di, e fedellar nos códigos máis emblemáticos para cada un dos poemas: muiñeira vella, xota, bulería, soleá e dúas máis libres, de aire jazzístico. Interpretaranas os flamencos Arcángel e Kiki Morente, os galegos Davide Salvado e Marcelo do Bode, e o portugués Salvador Sobral.

Ademais haberá voces femininas das pandeireteiras Lilaina, a gaita de Susana Seivane -no epílogo da función- e dous bailaríns, o galego Miguel Pardo de Castro e o andaluz Isaías Salazar. Na banda estarán o propio Rábade (piano), Enrique Rodríguez (trompeta), Pablo Castaño (saxo alto), Yago Santos (guitarra flamenca), Pablo Martín (contrabaixo), Naíma Acuña (percusión) e Moisés Fernández (caixón). Os músicos, confesa o director, “foron escollidos pola súa apertura de miras estilísticas e polo xenuíno do seu son”. A dirección de escena corre a cargo do dramaturgo Quico Cadaval.

Rosa Bugallo anuncia que Lorca namorado xirará despois “polas cidades galegas que visitou o poeta”, irá a Granada -“estamos en contacto directo coa fundación” do autor asasinado en agosto de 1936-, e probablemente polo “circuíto de cidades lorquianas” do Estado. 

Nota: o cartaz de Lorca namorado.

Comentarios