A Panadaría anuncia o feche do seu "forno teatral"

Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Kendelman en 'As que limpan'. (Foto: Leticia T. Blanco)
Até final de ano a compañía despedirase do público nos escenarios con As que limpan, o seu derradeiro espectáculo.

A compañía teatral fundada en 2013, en Vigo, por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman vén de anunciar o seu feche a través dun breve comunicado compartido nas súas redes sociais.

"Despois de moitas funcións ao lombo, de moitos quilómetros na furgoneta, de choros, de risas, 12 anos despois de que nacera A Panadaría, hoxe queremos compartir con vós que o noso forno teatral fecha as súas portas", escriben as creadoras nun post de Instagram.

"As panadeiras levamos un tempo reflexionando sobre o que queremos do proxecto e, logo de escoitarnos con tempo e con calma, pensamos que o mellor é disolver a compañía e abrirnos a outras sendas vitais e creativas. Imos botar o feche ao remate deste 2025 e axiña imos anunciar datas para que despidamos xuntas A Panadaría con As que limpan, o noso último e derradeiro espectáculo".

A Panadaría inundaron o mundo da escena galega cun teatro que "renuncia aos elementos escenográficos para rebordar humor acedo, música vocal e unhas interpretacións lúdicas e habilidosas que nos levan por un camiño de transgresión hilarante e profundamente político".

Na última década deron conta do seu esforzo creador con montaxes como Pan!Pan! (2013), Panamericana (2015), a multipremiada Elisa e Marcela (2017, en coprodución co Centro Dramático Galego) e As que limpan (2022, en coprodución co Centro Dramático Nacional), espectáculo co que botarán o pano de forma definitiva.