Certame literario "Un verán con Castelao"

"O pai de Migueliño", por Lucía Gil Batalla

IES Rosalía de Castro, Santiago de Compostela.
Fotograma de 'O pai de Migueliño', de Miguel Castelo, baseado na obra de Csatelao. (Foto: Filmoteca da Galiza)
Fotograma de 'O pai de Migueliño', de Miguel Castelo, baseado na obra de Csatelao. (Foto: Filmoteca da Galiza)

O meu corazón late con forza. Demasiada forza. Os meus ollos pérdense no horizonte a través da ventá. Camiño ao redor da mesa do comedor. Rápido. Demasiado rápido. Intento respirar. Mais non podo. Un… dous… tres. Non. Non podo. Deixei de intentalo. Miro cara ao mar. Hoxe é o día.

Migueliño chegou correndo, agarrando a miña saia.
—Mamá, hoxe é o día! Hoxe chega papá! Hoxe chega papá! —dixo con entusiasmo, con forza.
—Si, corazón. —Contestei. Pero a voz apenas escapaba polos meus beizos.

Miro pola ventá. O horizonte. Baleiro. Non estaba. Non estaba. Tiña que estar. Hoxe era o día. Hoxe chegaba o pai de Migueliño.

O meu neno corría pola casa, brincaba de emoción. Paraba un momento e mirábame cos seus ollos grandes, e cun sorriso que lle arrugaba o nariz. Mirábame dicindo: “Mamá, hoxe é o mellor día da miña vida”.

E eu debería correr con el. Bicarlle. Abrazarlle. Pero non podía. Non podía porque a miña mirada estaba cravada no horizonte e as miñas pernas non me respondían. Aínda me custaba respirar.

Entón escoiteino. O son primeiro. Era o barco. Era el. Tiña que ser el. Todo o aire entrou á vez nos meus pulmóns cando souben que era el. Que estaba aquí. Que hoxe non ía durmir nunha cama fría.

Migueliño tamén o escoitou. Correu xunto a min e miroume cos seus ollos grandes. Levaba ese traxe festeiro que lle quedaba tan ben. Saiu correndo outra vez cara ao meu cuarto. Eu sabía que ía ver. Ese retrato. O retrato do seu pai. Onde deixaba unha cadeira a propósito para que o puidese mirar aos ollos.

O retrato do seu pai. O mesmo que eu miraba todas as noites, o mesmo que miraba cando todo era demasiado difícil. El estaba aí. Ás veces ese retrato era o único que sempre estaba aí. Era o único que me quedaba del. Ata hoxe. Levaba tanto tempo esperando este momento, xusto este momento. Cando ía ter moito máis del. Ía telo todo del. Ía telo a el.

Migueliño chegou correndo outra vez. Agarrou a miña man e tirou de min cara á porta

Migueliño chegou correndo outra vez. Agarrou a miña man e tirou de min cara á porta. Eu deixeime levar. Todos os veciños saían fóra. A velos chegar. “Os americanos”, chamábanlles. Mais non eran americanos. Eran galegos, todos eles. El aínda era galego.

Baixamos ao porto. Migueliño e máis eu, agarrando a súa man con forza. Agardamos. Pouco a pouco xuntáronse todos os veciños. Todos os nenos e todas as mulleres. Mirabamos cara ao horizonte con bágoas nos ollos, sen falar. Agardando.

—Mamá! Mamá! É el! É papá! —gritou Migueliño. Miraba axitado, cara ao horizonte, cara a min, e outra vez cara ao horizonte.

Tiña razón, ese era o barco, ese era el. Non puiden aguantar máis. Comecei a chorar. As bágoas quentes percorrían a miña meixela en silencio, mentres Migueliño saltaba arriba e abaixo agarrando a miña man. Tiña que sorrir por el. E sorrín. Polo meu fillo. Por todos estes anos que estivemos sós.

Pasou o tempo. Uns minutos que se sentían como horas. Cada segundo. Cada vez que respiraba e cada vez que latía o meu corazón. Sentía que pasaba unha vida enteira. E ao mesmo tempo non sentía nada. Non sabía nada. Só sabía o que era o amor. E o medo. Sabía moi ben o que era o medo.

A última carta que chegara fora hai máis de seis meses. Migueliño non sabía que chegara. Non llo dixen. Non puiden. Porque as cousas non estaban ben, nada saíra ben. O seu pai ía volver sen diñeiro. Só, canso, e sen diñeiro. Pero non me importaba. Porque el estaba ben. Estaba vivo, e ía regresar. Iso pensaba. Pero non podía evitar espertar chorando no medio da noite, soñando que o perdera para sempre. Non era o primeiro en non regresar. O meu corazón latía con máis forza canto máis se achegaba aquel barco.

Pasou o tempo. Moi despacio, un ano entre cada suspiro. E case non me decatei cando o primeiro home pisou terra e axudou a desembarcar. Abriron as portas e os galegos comezaron a baixar. Migueliño e os nenos estaban pegados ao barco, pegados á porta. Eu non me podía mover. Sentía que afogaba co aire, que se movía un músculo, ía morrer aí mesmo. Non me importaba. Pero non podía morrer antes de velo.

As nais choraban. Bicaban. Apertaban. Algúns dos homes xa chegaran. As demais agardabamos. Con pouca paciencia e moito medo. Sen mirarnos entre nós, non podiamos.

O grupo de nenos co que estaba Migueliño se facía cada vez máis pequeno. Os homes chegaban e collían aos seus rapaces. Bicábanos. Choraban. Mimábanos e bicábanos aínda máis.

Migueliño miraba cara a eles. Cara aos seus traxes e aos seus portes. Pero os homes non miraban para el. Eu vía como cada vez os seus ollos se iluminaban un pouco máis. Como se estiraba, quería ser máis alto, miralos de preto, miralos aos ollos. Mais eles pasaban sen mirar para el. E Migueliño pechaba os ollos. Pero cando os abría, elixía outro home, e volvía amalo coma antes. Eu non tiña a forza para dicirlle que ningún deles era o seu pai.

Migueliño estaba lonxe, e eu podía chorar. Pasaba o tempo, e vía como os veciños comezaban a marchar. Mais el aínda non chegara. As bágoas corrían pola miña meixela e non podía parar. Contaba respiracións. Latidos. Mais el non chegara. Non podía pensalo, non, non podía. Pechei os ollos, as bágoas non me deixaban ver.

Entón sentino. Unha man na miña espalda. A súa man. Coa pel áspera e os dedos delgados. Pero era a súa man. Xireime. E sentín a súa outra man na miña cara. Limpando as bágoas dos meus ollos.

Vino. Vino por primeira vez en anos. Demasiados anos. Vin os seus ollos grandes, os mesmos que herdou Migueliño. O nariz pequeno, os beizos secos e as pestanas húmidas. A pel branca, cansa, a pel de cera. Estaba delgado, moi delgado. E o traxe quedáballe frouxo.

Pero non importaba. Non me importaba. Porque era el. Estaba aquí. Diante miña. Cos seus brazos ao redor do meu corpo. Podía sentilo. Sentilo preto de min. Podía mirar nos seus ollos, bicar os seus beizos, e apertalo con toda a forza que tiña no meu corpo.

Ese era o pai de Migueliño.

Comentarios