'Un ollo de vidro', por cortesía de Galiza Cultura: a obra de Castelao chega hoxe como obsequio con 'Nós Diario'
A tradición e o humor galego, coa súa base popular e de crítica social, danse a man nunha obra singular de Castelao, 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete'. Baixo a aparencia dun conto fantástico sobre un esqueleto que recobra a visión cun ollo postizo, agóchase unha fonda reflexión sobre o pobo galego.
Esta sexta feira, 31 de outubro, coincidindo coa conmemoración do ciclo de defuntos e o Samaín, Nós Diario distribúe o facsímile editado pola Federación Galiza Cultura de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das súas obras máis singulares e cheas de simbolismo e que saíu do prelo en 1922 da man da Editorial Céltiga.
O obsequio que esta sexta feira acompaña o xornal trátase dunha reprodución facsimilar, de 52 páxinas, do orixinal que se atopa na Real Academia Galega e conta coa autorización do herdeiro de Castelao e coa colaboración da editorial Galaxia.
Un ollo de vidro é, para moitos estudosos, unha das obras máis enigmáticas e brillantes de Castelao. Un relato que, baixo a aparencia dun conto fantástico sobre un esqueleto que recobra a visión grazas a un ollo postizo, agocha unha fonda meditación sobre a verdade, a hipocrisía e a identidade do pobo.
"Castelao en toda a súa extensión"
O presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril, explica a Nós Diario que a decisión de editar este facsímile xurdiu "desde o interese constante en dar a coñecer Castelao en toda a súa extensión, como unha persoa sumamente creativa".
A federación, que agrupa asociacións culturais de todo o país, leva anos promovendo accións de difusión da cultura galega e considera esta reedición "un paso máis" na tarefa de facer presente a obra de Castelao na sociedade actual.
"Cando chegan estas datas, na Galiza celebramos cousas alleas, como o Halloween. É unha mágoa que non tiremos máis da nosa tradición. Un ollo de vidro toca precisamente o que hai máis alá da vida, un tema moi presente na cultura popular galega", explica Carril.
"O humorismo de Castelao non é evasión"
Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, subliña esa mestura única de ironía e compromiso: "O humorismo de Castelao non é evasión, é unha forma de intervención sobre a realidade. Un ollo de vidro é unha peza singular porque condensa, nunha historia aparentemente sinxela, toda a problemática moral, social e política da Galiza de hai un século. Castelao fainos rir para que nos decatemos do fondo drama colectivo que vivimos, e iso é o que fai que siga a ser un autor vivo”.
Para Costa, o humor de Castelao é, en realidade, unha ética da lucidez: "Ver mellor co ollo perdido é unha metáfora poderosa. Significa que o pobo galego, tras a dor e as perdas, é quen de entender mellor o seu destino. O seu humor é un humor de resistencia, de dignidade, un humor que non se resigna".
A través desa ollada lúcida, Castelao converte o camposanto nun escenario de crítica social e política. "Hai unha denuncia do caciquismo, unha defensa das mulleres labregas, unha chamada á acción fronte á resignación", engade Costa. "Todo está dito co ton popular, case teatral, pero cunha precisión moderna e cunha intención plástica que fan da obra unha verdadeira lección de estilo e de ética".