Galiza Cultura organiza por terceiro ano consecutivo representacións de 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete'
Por terceiro ano consecutivo, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, a través da súa rede de asociacións e entidades federadas, organiza representacións e lecturas dramatizadas do pequeno texto 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete' escrito por Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922.
A obra, un relato místico que describe unha sociedade de ánimas no alén co escenario de fondo dun camposanto e o seu decorrer cotiá, é unha metáfora empregada para describir á sociedade galega na que vivía Castelao e narrada desde a perspectiva dun defunto grazas a un ollo de vidro convertido nun instrumento que serve coma un visor da súa mortaldade nunha simulada continuación da vida.
"Con esta crónica do día a día das ánimas e de como se estabelecen as relacións no camposanto, logo de lles abrazar a morte, Castelao fai unha descrición social e política, das grandes inxustizas sociais, das relacións de clase e das profundas desigualdades económicas que existían na Galiza de principios do século XX", destacan desde Galiza Cultura.
"Mediante a metáfora, Castelao elabora un relato costumista e conéctao directamente cun dos nosos acervos culturais máis arraigados: a relación cos nosos defuntos e a cultura ao redor da morte. E un relato que incluso hoxe en día segue vixente para describir á sociedade actual e que amosa o amplo e profundo coñecemento que Castelao posuía do país", sinalan desde a federación.
Deste maneira, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Betanzos e Gondomar, como lugares escollidos, e as asociacións AVCD e R Agra, AC Alexandre Bóveda, AC O Facho, AC Tempo Novo, ACL de Paderne Roxín Roxal, AC O Galo, AC e M Solfa, AC Medulio e AC Centaurea, coordinadas pola federación, desde esta sexta feira 31 de outubro realizarán estas actividades comezando no Centro Ágora da cidade herculina, ás 19.30 horas, coa representación teatral da peza.
Ferrol e Gondomar collerán a remuda o día seguinte, o sábado 1 de novembro, ás 18 e 19 horas, en Covas e na praza das Escolas Vellas (fronte á Casa da Cultura), respectivamente, con senllas lecturas. Xa para a semana que vén, na segunda feira 3 de novembro, o Teatro Principal de Compostela será o escenario escollido para unha nova representación a partir das 20 horas, baixando o pano a sala Xulio Cuns do Liceo de Betanzos, desde as 20 horas da quinta feira 6 de novembro, que acubillará esta lectura dramatizada.
Esta actividade lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2025 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.