“O obxectivo do grupo sempre foi pasalo ben e facer música que nos divirta”

Diego Arufe é membro da banda musical, que este mes sacará o seu primeiro EP. (Foto: Mar Álvarez)
A banda de música Pibe Canguro estrea EP con cinco cancións. Así mesmo conta o por que de compor os temas en galego e a importancia da normalización da lingua.

Diego Arufe, cantante do grupo musical Pibe Canguro, explica como naceu a banda e os plans de futuro que, tanto el como os seus compañeiros, teñen para o grupo. Arufe anuncia a estrea dun EP con cinco cancións que se poderán escoitar este mesmo mes. Ademais, tamén opina sobre as razóns que os levaron a compor en galego e sobre a importancia que ten este feito para a normalización da lingua. Pois como el mesmo afirma, “non nos debería chamar a atención que a letra dunha canción estea escrita en lingua galega”.  

Avante Pouca

Forman o grupo catro amigos, como naceu Pibe Canguro?
Si, nós xa eramos amigos desde sempre. Somos Simón (guitarra), Carlos (baixo), Agustín (batería) e mais eu (voz e guitarra). A idea de crear un grupo naceu unha noite no bar Avante. Comezara a soar unha canción de Terbutalina e decatámonos do interesante que sería formarmos nós unha banda. Simón e mais eu xa o intentáramos anteriormente, pero quedara en nada. Mais desta segunda vez eramos catro e tiñamos máis ganas que nunca. Eu diría que facemos unha música moi básica. Non somos músicos profesionais, por iso precisamos compor pezas sinxelas que funcionen ben. O obxectivo sempre foi pasalo ben e facer música que nos divirta.
Persoalmente, o que me parece máis interesante do grupo é que cada un de nós ten unhas referencias musicais diferentes, polo que achegamos ideas moi distintas á hora de compor cancións. Con todo, ben é certo que concordamos nalgúns referentes como Terbutalina ou The Rapants.

A banda ten un nome ben curioso, por que se chama Pibe Canguro?
Despois de longas sesións de chuvia de ideas nas que non conseguiamos pórmonos de acordo, chegamos á conclusión de que todos queriamos que o nome do grupo tivese a palabra “Canguro”. Non existe ningún motivo en específico, simplemente que nos gustou. Entón, comezamos a achegar diferentes propostas de combinacións con esta palabra. Foi nese momento cando a Agustín, un dos meus compañeiros, que é uruguaio, se lle ocorreu o nome de Pibe Canguro.

Avante Media 

Por agora o grupo ten dúas cancións, cales son os plans de futuro?
Cando se estrearon os primeiros temas, non tivemos moito alcance debido á pandemia. Xusto iamos participar nun concerto para dármonos a coñecer pero cancelouse. Con todo, a razón pola que chegamos á xente foi grazas a amigos e a familiares que nos deron visibilidade compartindo polas redes ou mesmo cun documental, que fixo meu irmán, estudante Comunicación Audiovisual, sobre o grupo. É curioso, eu teño a sensación de que o estamos facendo todo ao revés.
De cara ao futuro, estamos realmente emocionados. Estivemos todo o mes pasado traballando nun estudio e xa podo anunciar que temos un EP con cinco cancións que se estreará este mesmo mes. Os temas están listos, o título tamén, só nos falta a portada e a data de saída. Fainos especial ilusión pois as dúas cancións que temos en Spotify están producidas por nós mesmos. Gravámolas e montámolas entre Simón e eu. Pensamos que, xa que estabamos gravando as novas cancións nun estudio, debíamos regravar eses temas antigos para que todos tivesen a mesma calidade e poder incluílos no EP.

Avante Toda

E fano en galego. 
Eu, como moitas persoas da miña xeración, medrei vendo o Xabarín Club e escoitando os grupos que aparecían no programa. Na miña opinión, o Xabarín tiña dúas funcións: normalizar a nosa lingua e darlle apoio a grupos galegos. Agora esas funcións atopámolas nas redes sociais. Hoxe en día, é moito máis sinxelo darse a coñecer grazas a coñecidos que comparten a información que se publica na rede. E así, chegar a moitas máis persoas, como nos ocorreu a nós. Persoalmente, defendo que as cancións escritas en galego deberían verse como algo normal. Non nos debería chamar a atención que a letra dunha canción estea en galego. Esa é a principal razón pola que compomos en galego. Entre nós é a lingua que falamos, polo que non lle atopabamos o sentido a cambiármonos de idioma á hora de cantar.