A última labazada punk dos Terbutalina, “Espabila Gallego”, verá a luz na sexta 4 de outubro en todas as plataformas dixitais. Dez temas irreverentes e rabiosos compoñen o disco, dispoñíbel para descarga a partir das 0.00 horas de mañá.
A presentación terá lugar na sala Capitol, o día 31 de outubro a partir das 20.30 horas. Compostela, a cidade á que lle dedicaran un dos seus temas máis emblemáticos, será nese concerto o primeiro punto de venda do disco físico. As entradas están xa á venda para a que será a única cita do grupo na Galiza, na que gozarán da compaña dos Mutagénicos.
O último traballo dos de Esteiro foi gravado e producido nos estudos A Ponte por Tomás Ageitos. O son atlántico con coplas cheas de retranca que adiantaban 'Pura Makica', 'Muinheira de Costa' e 'Marisco Barato' ateiga un álbum que vai dende o punk ao pop e dende o rock ata a música tradicional galega.