A obra de María Reimóndez inspira nun novidoso certame creativo
A triloxía de ciencia ficción Os seres completos, de María Reimóndez, inspira un novidoso concurso de fanfiction, organizado por Edicións Xerais que se abre ás miradas da xente máis nova. A iniciativa pretende ampliar as reflexións que se tratan nos tres libros de Reimóndez, Cobiza (2021), Multitudes (2023) e Retorno (2024), e que xiran en torno a temas tan actuais como a diversidade sexual e de xénero, a igualdade, a ecoloxía, o poshumanismo ou o impacto das novas tecnoloxías nas nosas vidas.
Reimóndez ten declarado que na súa triloxía " é moi importante a superación do punto de vista humano. Procurar un entendemento máis transhumanista, máis holístico, entender que a sociedade, o planeta, non é propiedade dos seres humanos que agora están tomando todas as decisións", así como a reconexión coa natureza. E o concurso convocado por xerais nace decidido a impulsar a creatividade e a mirada crítica.
Ademais, opera a través dun formato novidoso na Galiza, a fanfiction, un termo que fai referencia á creación de ficcións a partir dunha obra preexistente pero con total liberdade na formulación de novas tramas, contidos e incluso formatos. Na presente convocatoria admítese a concurso calquera tipo de disciplina creativa: debuxo, vídeo, música, viñeta, relato, poesía.. ou mesmo xogos. A escolla do formato queda aberta á imaxinación e ás destrezas de quen participe.
O concurso “A mocidade completa a historia” busca implicar os centros de ensino de todo o territorio galego admitindo a participación tanto individual como en grupo.
O premio consistirá nun lote de libros de Xerais e unha mentoría individualizada de MaríaReimóndez. A persoa ou grupo premiado anunciarase o día 17 de maio.