Certame literario "Un verán con Castelao"

"Por obra e graza", por Rebeca Dobaño Fernández

IES Aquis Querquernis.
Cando volveron a Galicia reencontráronse coa xente da imprenta e axudaron a reconstruíla.  (Foto: Nicol.)
Cando volveron a Galicia reencontráronse coa xente da imprenta e axudaron a reconstruíla. (Foto: Nicol.)

Era unha noite de verán de 1960, nas aforas de Ourense. Manuel, un home de 34 anos, Alba, a súa muller, e Pepe, o seu mellor amigo, estaban no estudo finalizando o artigo que ían levar imprimir a Vilamarín. Porque, ademais de ser xornalista no xornal local, Manuel escribía todas as noites pequenos artigos cheos de denuncias e defensas co pseudónimo “Verdades”. Estaban os tres cando escoitaron ruídos que proviñan de fóra. Alba achegouse á fiestra e viu que no portal do apartamento había un coche de policía e, agobiada, correu para comunicarllo aos demais. Manuel díxolle a Alba que marchase para a casa e non dixese ren da súa participación xamais.

Ela ao principio non aceptaba, pero Manuel díxolle que o debía facer polos seus fillos, Mara e Xosé. Ela marchou, non sen antes despedirsedel, cos ollos cheos de bágoas. Marchou pola porta que daba ao garaxe e escondeuse no coche. Manuel díxolle a Pepe que fixese o mesmo, pero negouse rotundamente. Os pasos e os golpes xa estaban na porta da casa e non se lles ocorreu nada mellor que esconderse onde puideron. Os dous gardas entraron rompendo a porta e comenzaron a buscar na casa. Cando entraron no cuarto no que Manuel estaba escondido, escoitose un estrondo, unha pota tirada por alguén, por Pepe. Os policías dirixíronse ao lugar do que viñera o son e Manuel marchou pola porta principal.

Cando se deron conta foron tras del. Pepe aproveitou e escapou por onde o fixera Alba. Manuel corría escaleiras abaixo e os gardas ían atrás del pisándolle os talóns. Correu e meteuse nunha rúa estreita, os policías seguíano e Manuel escapaba mentres estes tentaban darlle coas balas que disparaban. Cando se deu conta adentrarase no monte, era noite pechada e víase moi pouco. Parecía que os gardas o perderan un momento de vista.

Tivo que deterse, non vía máis alternativas que entregarse. Sentouse un momento a carón dunha árbore e meteu as mans nos petos, suspirando, cheo de tristeza e impotencia. Cando fixo ese xesto notou algo, un papel, un recorte dalgún lugar que non lembraba e entón leu o que puña: “Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma” -Castelao-. Ao ler ese pequeno escrito, o seu preferido, pensou en todo canto aquel loitara para defender a súa lingua, o seu lugar, canto pelexara por denunciar as inxustizas cometidas; tamén se lembrou de todo o que o axudaran Alba e Pepe, de toda a súa familia, daqueles que loitaron, loitan e loitarán sempre para deferder o que é seu e outros tentan quitarllo e, por suporto, pensou en Castelao, a súa figura a seguir.

Invadiuno un sentimento de orgullo e unha forza que o fixo continuar, cheo de medo pero tamén de esperanza, por moi estraño que parecese. Nada máis levantarse escoitou tiros e volveu correr, non se deteu ata chegar a unha aldea, na que había aberta unha pequena taberna onde se adentrou. O dono quedou mirando fixamente para el e, sen dicirlle nin unha palabra, o taberneiro soubo o que pasaba e díxolle que se metese para dentro. Xa co corazón menos acelerado e cun vaso de auga, Manuel contoulle todo ao home. Este chamábase Xan e díxolle que podía descansar alí o que quedaba de noite, se ben Manuel non sabía que facer despois, porque regresar non era unha opción. Entón Xan recomendoulle que o mellor sería marchar do país e aínda que iso non era o que Manuel quería, non viu outra alternativa, entón xuntos cavilaron como podía facer.

Cando faltaba pouco para o amencer o mozo saíu da casa do seu novo amigo, non sen antes agradecerllo todo o que fixera por el e deixarlle unha carta para Alba. Foi ata a seguinte aldea, buscou a casa que Xan lle indicara e meteuse no carro cheo de palla. Cando xa era de día o home da casa puxo en marcha o transporte. Cando parou o carro Manuel baixou e buscou algún lugar onde poder beber, atopou unha fonte cun letreiro, estaban en Castela. Pasou a noite no palleiro e á mañá seguinte meteuse no carro outra vez. Así foi como Manuel conseguiu chegar a Madrid, lugar no que colleu o primeiro voo dispoñible cara a Bos Aires.

Cando chegou alí buscou un lugar no que quedar e á súa vez un traballo. Xa pasaran 5 meses daquela noite e a súa muller marchara vivir cos fillos á casa de seus pais. Un día chegou Xan, este contoulle todo o que pasara e deulle a carta. Nela Manuel contáballe para onde marchaba e dicíalle que foran para aquelas terras onda el e que llo comunicaran a Pepe. Alba leu a carta cun sorriso na cara e con bágoas esbarándolle polas meixelas e non tivo dúbidas de que facer. O reencontro da familia e máis Pepe foi un dos recordos máis bonitos que tiveron sempre daquel tempo.

Un día, xa instalados, chegou unha carta co signo da editorial Vilamarín. A carta explicaba o que Manuel tantas veces preguntara, como fora que o descubriran. A carta dicía que aquela noite a policía dirixíase ao lugar da imprenta cando tamén o facía Xosiño, un dos que alí traballaban. Os gardas dixéranlle que sabían que alí se imprimían xornais clandestinos e obrigárono a dicirlles algúns dos que participaban naquilo. A Xosiño só se lle acordou Manuel, xa que era un dos que máis frecuentaban o lugar. Tamén lle dixo onde tiña o pequeno estudo e así foi como os policías foran ao lugar. Contaba a carta que agora tanto o estudo coma a imprenta estaban destruídos.

Alba volveu traballar no bar e Manuel agora só traballaba no que noutros tempos fora un lugar clandestino, publicando o que sempre desexara.

Manuel contoullo a Alba e a Pepe e choraron os tres. Pasaron quince anos e pasou o desexado, a morte do ditador. Manuel e Alba volveron ao seu lugar natal xunto Mara e Xosé. Pepe, sen embargo, non volveu, ía cada pouco pero quedou a vivir na Arxentina. Cando volveron a Galicia reencontráronse con toda a xente da imprenta e axudaron a reconstruíla. O estudo de Manuel agora estaba na casa. Visitaron a Xan.

Alba volvía traballar no bar e Manuel agora só traballaba no que noutros tempos fora un lugar clandestino, publicando o que sempre desexara, “Verdades”, desta vez sen medo, nin represión e publicaba como o fixera sempre e como o seguiría facendo o resto da súa vida, desa maneira que o facía ser de onde era, en galego.

Comentarios