Opinión

Un adeus a Moncho Fuxan

Moncho Fuxan.
photo_camera Moncho Fuxan.

Foisenos Moncho Díaz, Moncho Fuxan.

Así se lle coñecía e así o quixemos e o quereremos. Porque hoxe marchou alguén moi noso, moi apegado ao corazón de quen tivo a sorte de cruzarse na súa vida. Dono duna voz fermosa e ben timbrada, no grupo Fuxan os Ventos deixou a súa pegada e a súa enorme capacidade para emocionarnos con calquera interpretación acompañado da guitarra ou da frauta.

Unha das cancións gravadas para sempre na nosa memoria e que nos resulta especialmente dolorosa cando escribo estas palabras é: Iste vaise, aquel vaise e todos, todos se van… Moncho cantando a Rosalía e a Adriano Correia de Oliveira que nos conmove ate as bágoas. E tamén O carro ou O Lobo, entre moitas outras.

Todas elas gañaron nova vida nos últimos tempo grazas a aquel Terra de Soños que nos uniu para sempre e que agora se extendeu ata a celebración dos 50 anos cunha gran exposición, un libro que recolle toda a súa traxectoria e o que foi o último concerto de Fuxan con Moncho no Vello Cárcere de Lugo.

Hai persoas que pasan pola vida facendo o ben, que son seres únicos e especiais. Xente coma el que agocha o seu talento como cantor tras os mandos dunha mesa de son na radio. Mais que teñen na retranca e no humor fino unha defensa a ultranza da súa intimidade, do seu eu máis fondo ou quizais unha maneira de non amosar a súa tenrura infinita, a súa habilidade para amar sen medida e ao seu xeito. Seres que, se cadra, no canto exhiben sen pudor esa extrema sensibilidade, o instrumento para plasmar os seus sentimentos máis fondos. Cantar a alma desta terra foi a súa misión e cumpriuna cos seus compañeiros de Fuxan e a súa compañeira de vida e de música Tereixa, voz e fundadora do grupo. Unha boa parelliña que trouxeron ao mundo a Noa, productora e emprendedora que é en parte responsable de que o grupo tivese un rexurdir nos últimos tempos e a Faia, voz que nos engaiola como a dos seus pais nos seus proxectos en solitario e con De Vacas. E ademais acolleron xa cunha idade ben madura a dúas nenas, Elith e Lisze que criaron e coidaron coma ninguén o que dá a medida da súa xenerosidade. Esa humanidade era algo que nos atraía moito do 'RosMonchiño' como eu lle chamaba ás veces. El a min ‘a nena da trenza’ (así foi como me coñeceu co grupo Na Lúa nun concerto conxunto en Castrelos).

Ir tomar os viños con él era garantía de risos e boa onda ou que nos trouxese o pan quente, o mel e as noces a súa casiña de Doncos nos Ancares que era refuxio e lugar de descanso, de festa e de alegría.

E desta alegría non queremos desprendernos porque el así o desexaría. Por iso nos reuniremos para cantar, tomar un viño tinto (o branco non é viño) e empanada de Monforte. E cantaremos ao Zeca, romances, os Reis e as xaneiras, colleremos a guitarra e lembrarémolo celebrando que tivemos o privilexio de sabelo amigo e acubillo. Iso irá sempre con nós e coa súa familia de Fuxan os Ventos que irán sentir ao lado esa presenza abraiante de Moncho e a súa voz doce e expresiva porque, como ben di Tereixa, coma él xa non volve cantar ninguén.

Comentarios