"O Camareiro", por Mencía Rodríguez Lorenzo
Unha mañá de decembro de 2005, concretamente a do día do sorteo da lotería de nadal. Un matrimonio galego, aínda mozos, pasea tranquilamente polas rúas de Madrid. Fan tempo ata que chegue a hora de ir para o aeroporto, coller o voo que os traerá de novo a Galicia.
—Tomamos algo antes de ir?
—Claro!
—Escolle cafetería logo.
—Unha calquera….esa mesma.
Entran. Na barra atende áxilmente un camareiro xa entrado en anos, moreno e de expresión amable. A parella achégase a ela e sentan mentres a televisión retransmite o sorteo.
—Ti que queres? — pregunta o marido.
—O de sempre, un café con leite, pero pídemo ti que xa sabes que a min o castelán non me gusta demasiado falalo.
—Bueno ho… ¡Buenos días! — dixo el dirixíndose ao camareiro naquel castelán perfecto que súa nai lle ensinara, pois ao ser mestra era o idioma que adoitaba empregar para dirixirse á rapazada (incluíndo aos seus).
—Buenos días, ¿qué va a ser aquí?
—Dos cafés con leche templada, por favor.
—¿Quieren también algo de comer?
—No, solo eso.
—Perfecto entonces, gracias.
—A usted.
O camareiro comeza a preparalos. O galego retoma o seu idioma natal para dirixirse a ela e comezan a conversar dos típicos temas que se abordan cando a lotería está próxima.
—Tes os números dos décimos?
—E que hei ter? Non ves que os deixamos aló.
—Pois sería bonito enterarnos de que somos ricos aquí.
—A min con que me toque tanto me ten onde enterarme de que son rica.
Chega o camareiro cos cafés e comeza a servilos. A parella continúa a falar entre eles coma se nada, e é que non estaban facendo nada doutro mundo. Rematan os cafés, achégase a hora de volver para Galicia. A muller vai saíndo cara a entrada, non moi afastada da barra, agardando na porta a que o home remate de pagar.
—¿Me cobras?
— Claro, aquí tiene.
— Tome, deje así. Hasta luego — dixo o home mentres se dirixía tamén á entrada onde estaba a muller.
—Ata logo! — contestou case cun susurro a voz do camareiro.
O home quedou de pedra, coma se acabara de escoitar algo que nunca antes escoitara. Mirou cara a súa muller e preguntou:
— Dixome…ata logo?
— Si, non? Eu entendinlle iso.
— Creo que si, vou volver falarlle! — exclamou coa ilusión que todos os galegos temos cando atopamos a algún dos nosos fóra da terra.
—Mire, perdoe…
—Dígame, caballero.
—Díxome vostede ata logo?
—Si…
—Entón é vostede galego!
—Son — contestou cunha voz entre tímida e ilusionada, coma se quixera berralo para que todo o mundo se enterase mais algo lle impedira facelo.
—Nós tamén! Elogo vostede de onde é?
Mirou o camareiro a aquel home confundido, intentando atopar nel os rasgos daqueles galegos que xa antes lle preguntaran de onde era. Mais este tiña algo…familiar? Non semellaba que o estivese preguntando de mala maneira nin para rirse del, nin lle dixeran nada de “te lo noté porque tienes demasiado acento” como aquela señora da semana pasada. Despois dunha breve e íntima reflexión, finalmente respondeu con voz tímida.
— Eu…son de Lugo.
— Nós tamén! — contestou cos ollos moi abertos, brillantes, e cun sorriso de orella a orella.
— Pero é que eu…sonche dun sitio lonxe do centro — dixo encollido, como avergoñado, coma se cada paso que avanzaba naquela conversa o estivese comprometendo máis e máis.
— Nós tamén!
—Bueno…son máis ben dunha vila pequena de Lugo — dixo facéndose interiormente cada vez máis pequeno
—Nós tamén somos dunha vila. Eu son de Cospeito e a miña muller — dixo sinalándoa — é de Vilalba.
—Eu tamén son de Vilalba.
—Que me dis?! Agarda un intre! — xirouse inmediatamente e foi en busca da muller — Nena, vente que este é de aló! — díxolle cunha mirada cómplice.
—Es de Vilalba? — preguntou a muller sorrindo mentres se achegaba.
—Si…pero…eu…eu son dunha aldea.
—Ai, eu tamén! — dixo elevando o tono a muller, chea do orgullo que lle faltaba ao camareiro.
—Eu…son da aldea que está xusto ao lado da vila.
—Eu tamén! — contestou cada vez máis ilusionada — Eu xa non vivo alí, pero meus pais si. Ao mellor os coñeces, eu son a pequena da casa da morena.
—Pois eu sonche do carpinteiro — contestou á vez que reflexionaba —. Logo…aínda somos algo parentes.
—Ai… pois agora que o dis é verdade! Miña nai sempre me falaba de vós. Ti tiñas un tío emigrado, non?
—Tiña, si. Estaba en Bos Aires pero faleceu haberá agora un ano e pico.
—Síntoo moito. Heilles dicir que te atopei aquí, fai moito que non saben de vós.
—É que eu levo aquí toda a vida. Vou pouco por aló, só nas festas e no Nadal.
E así se desenvolveu o principio daquela breve conversa do matrimonio que ía voltar a Galicia e que a atopou antes de tempo nun camareiro acomplexado por ser de onde era.
Sumamos outra vitoria fronte a quen intentan apagar a nosa voz
O bon de todo isto? que só é unha historia que, se non saíra do papel, sería perfecta para contala e reflexionar sobre os prexuízos que moitas veces ata nós mesmos temos cara a nosa lingua e cara a nosa terra. O malo do conto? que está baseado nunha anécdota real que na miña familia se viviu aquel ano. Sumamos unha a todas esas veces que como pobo que somos nos amedrentamos ao ter que dicir que pertencemos a un, que somos de aldea, que somos daquela “Galicia profunda” na que aquela xuíza pensaba que non se podía críar un neno.
Sumamos outra vitoria a aqueles que intentan apagar a nosa voz e que, como estamos vendo e permitindo, o conseguen cada día un pouco máis. Tiña razón Castelao naquela viñeta na que dixo “Pero o home é escravo do home”. Entre unha das mil interpretacións que se lle poden dar, neste caso eu interpretareino como que somos escravos dos ollos dos demais, pois escondemos e cambiamos o que sexa con tal de agradarlles a eles, aínda que nos dane a nós, á nosa conciencia e á nosa terra.
Non xulgo ao camareiro, a súa reacción foi inconscientemente o froito de todo o que esta sociedade leva mallado nos galegos ao longo dos séculos, que parece que só cos nosos “iguais” podemos ser realmente nós, sen decatarnos de que sendo nós somos superiores a todos eses que nos desprezan.