"Nunca choveu que non escampara", por Rita Castiñeiras Suárez
—Señora Teresa, é verdade que aquí sentaban Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste? —dixo cos ollos coma faros da costa rianxeira nunha noite de bruma espesa.
Eu sorrín, claro. Porque xa poucos preguntan por iso e menos alguén que, por pouco, non sabe escribir o seu propio nome.
—Claro que é verdade, meu meniño. Aquí mesmo, diante da casa de Antonio, sentaban os tres a falar e xa dende ben pequenos a xogar. Aínda que meu irmán sempre foi algo maior que os outros dous, Daniel levábase moito con Eduardo Dieste, irmán de Rafael, o que fixo que todos eles medraran practicamente xuntos, tendo tamén en conta que éramos veciños.
Recordo que había veces que viña con eles, aínda mesmo sendo eu unha rapaciña, como da túa idade.
Eu era de canda Rafael, e xa non sei se foi porque viviamos porta con porta, ou se era que acompañaba o meu irmán á casa dos Dieste, que na miña mocidade acabei namorando del, pero por outros feitos relacionados co meu irmán no pasado non chegou a nada.
Volvendo ao tema, eles medraron, comezaron a formar a súa vida, estudando... pero os tres tiñan algo en común, os seus ideais. Todos maduraron e seguía habendo algo que os unía, a gana de falar e escribir o galego, a súa liberdade como persoas galegas que eran.
Acórdome que, no verán de cando eu tiña vinte e sete anos, Daniel, Virxinia e o pequeno Chuchiño pasaron unha tempada na nosa casa. A última vez que viñeran tanto tempo fora pola epidemia da gripe de 1918, xa que meu irmán tivera que exercer de médico debido á urxencia.
Naquel estío de 1925, Daniel pasaba o día e a noite escribindo e debuxando o seu seguinte libro. Pregunteille que era esa cousa e dixo: “Son Cousas” e marchou. Que home máis misterioso era meu irmán!
Ao día seguinte, no medio da tarde foise e retornou case á medianoite. Eu non tiña nin idea de a onde ía, xa levaba unhas tardes desaparecendo sen avisar. No outro día, eu viña polo Portiño e vin como entraba na casa de Antonio. O resto desa tarde paseina co pequeno Chuchiño falándome de como lle ían os estudos.
Cando Daniel volveu, eu estaba na cociña, xa comezara o solpor e decidín preguntarlle polas súas desaparicións e a que fora á casa de Antonio. Meu irmán nunca tivo problema niso, en falar deste tipo de cousas tan mal vistas pola sociedade, cunha muller.
Contoume que estaba a piques de rematar o seu próximo libro, que como xa me dixera un día, titulábase Cousas, e que era a recompilación dun feixe de relatos curtos con ilustración que xa publicara na prensa. Explicoume que por iso ía á casa de Manuel Antonio, a conversar con el e mais con Rafael, para saber que opinaban os seus máis fieis compañeiros literarios. Tamén resultou, polo que me contou meu irmán, que Rafael andaba nas mesmas co seu primeiro libro de relatos, Dos arquivos do trasno. Os dous ían publicalos para o ano que entraba, 1926. Asemade, animaban a Antonio a que tamén sacara á luz os seus poemas, De catro a catro, pero non o logrou ata o 28.
Esa mesma noite, non me collía o sono e decidín subir á planta alta para tratar de relaxarme vendo o mar. Cando cheguei arriba estaba meu irmán, polo mesmo motivo ca min. Fiquei falando con el un anaco.
Daniel marchou abaixo e veume traer enseguida recortes de prensa facendo un atado a modo de caderno
—Estívenlle dando voltas ao asunto e entroume a curiosidade por saber como é ese Cousas, pregunteille sen máis demora.
—Son cousas, non ten máis ciencia Teresa, se tanta gana tes de saber pódocho deixar ler.
—Si, por favor, que de seguro é fermoso, e así tamén mato algo o tempo.
Daniel marchou abaixo e veume traer enseguida recortes de prensa facendo un atado a modo de caderno. Pediume que o coidara ben xa que era o único que tiña.
Comeceino e remateino esa mesma noite. A min encantoume. Xuntaba unhas das facetas que mellor se lle daban a meu irmán, debuxar e escribir con algo de retranca, igual que na súa anterior publicación, Cousas da vida. Aínda que neste que acababa de escribir, as dezanove Cousas estaban compostas de relatos máis extensos e acompañados dun pequeno debuxo, que facían referencia á historia que contaban, ás veces, baseadas en lendas (algunhas mesmo da nosa propia vila) e outras veces máis inventadas pero sempre pequenas obras de arte que retrataban a realidade da sociedade galega de principios do século XX.
Eu sempre recordarei aquel verán con moita morriña. O tempo aproveitado que pasei co meu malogrado sobriño Chuchiño, aínda agora cando penso ou falo del véñenme as bágoas aos ollos.
—Señora Teresa non se poña triste, veña. Que de seguro que despois deses anos todo foi a mellor, non si?
—Ai meu meniño, nunca choveu que non escampara! Ti recorda sempre iso e agora vai sendo hora de ires xa para a casa, que de seguro túa nai e túa avoa xa estarán preguntando por ti.
—Boo... pois prometo volver axiña!
El marchou correndo rúa arriba e eu tamén decidín ir xa para a casa.
Polo camiño e xa na casa, non puiden quitar da cabeza todo o que ocorreu despois da morte do pequeno da familia en xaneiro de 1928...
Foi duro para todos, porén é toda unha honra poder recordar todo o que construíron, sendo meu propio irmán un dos maiores impulsores e a quen todo o mundo coñece polo nome e apelidos, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.
Ver todo o que se avanzou ata o día de hoxe, escoitar polas rúas a xente falar o galego, poder escribir e ser escoitados na nosa lingua... e todo o que queda por vir!
Sen dúbida ningunha, temos que dar as grazas a toda a xente que antes de nós loitou por un simple desexo, mudar o rumbo da lingua e da literatura galegas. Recordando aquelas conversas entre meu irmán, Manuel Antonio e Rafael Dieste, que de nenos xogaban, de mozos soñaban e de adultos loitaban.
Por iso meu meniño, nunca choveu que non escampara!