Novo recoñecemento ao cinema galego: Lois Patiño, premio ao mellor director no Festival de Cali

Por ‘Lúa Vermella’.

Lúa Vermella
photo_camera Fotograma de Lúa Vermella.

Lois Patiño vén de ser premiado co Luis Ospina á mellor dirección dunha longa metraxe internacion al no Festival de Cali, Colombia, un novo recoñecemento para este filme e para o cinema galego.

O galardón do Festival Internacional de Cali leva o nome dun director, guionista e produtor colombiano e nesta edición foi para o director galego por Lúa Vermella.

Este filme suma así un novo premio, a engadir a outros recibidos nestes meses como os de mellor filme no Festival de Toulouse ou o o Biznaga de Prata á Mellor Película Española na sección Zonazine do Festival de Málaga.

O tránsito cara á ficción de Patiño conserva o aroma documental, que mantén a constante indagación na paisaxe que caracteriza a obra do realizador. 

O argumento de Lúa Vermella trasládanos a unha vila costeira na que o tempo se detivo. As habitantes fican paralizadas, mentres a natureza e os animais continúan en movemento. O son cotián do fluír da vida crea a sensación de estar nun "limbo cheo de espectros". Tres mulleres (Ana González, Carmen Martínez e Pilar Rodríguez), capaces de transitar entre dimensións, chegan na procura do Rubio, un experimentado mergullador desaparecido.

A segunda longametraxe de Patiño chega tras a celebrada opera prima Costa da Morte (2013), na que o director xa traballara con Zeitum, que neste caso une forzas coa produtora Amanita Studio. A rodaxe transcorreu entre a comarca de Lemos e a Costa da Morte. O filme, antes titulado Tempo Vertical, foi subvencionado pola Agadic. 

Comentarios