A nova exposición de Fernando Carballa alerta das agresións ambientais na Galiza

A exposición 'Fotosíntesis atlántica, do artista Fernando Carballa, alerta sobre os riscos ambientais que afectan Galiza con industrias "destrutoras do ecosistema" como Ence ou Altri. A mostra abrirá as súas portas o 15 de xaneiro no xardín Botánico de Madrid.
O artista Fernando Carballa cunha das obras da mostra que inaugurará o 15 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)
O artista Fernando Carballa cunha das obras da mostra que inaugurará o 15 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

O artista Fernando Carballa traslada a problemática ambiental que vive Galiza nos últimos anos ao seu próximo proxecto expositivo. O 15 de xaneiro inaugurará a mostra ‘Fotosíntesis atlántica’ no Real Xardín Botánico de Madrid, coincidindo coa celebración do 270º aniversario da súa creación.

O artista de Poio (comarca de Pontevedra) reflexiona sobre a relación entre progreso, industria e natureza no ecosistema atlántico galego, trasladando a imaxe dun hábitat “fráxil” que sofre a presión actual de instalacións como a de Ence na ría de Pontevedra ou a de proxectos como a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). 

Carballa explica que ten varias razóns para realizar este proxecto expositivo agora mesmo. Unha dela é “cuestionar a errónea idea de progreso que leva consigo en realidade accións destrutoras para o ecosistema atlántico”, asegura, froito dunha “mala planificación industrial”. Desta maneira denuncia “o dano profundo que fai un inadecuado desenvolvemento económico e social nun medio tan sensíbel como é a ría [de Pontevedra] e o seu hábitat mariño”.

O artista escolle, neste caso, o exemplo das algas que para el “non só son chave deste ecosistema" senón que, ademais, "coa súa fotosíntese, xeran a metade do ar que respiramos”. Así, a estrutura das obras que se expoñen na mostra procuran “reverter a invasión do artificial sobre o natural, sobrepondo agora o natural sobre o artificial nun camiño poético inverso”. 

Denuncia das ameazas

Para a comisaria da exposición, a profesora e escritora Lola Varela, colaboradora deste xornal, a mostra que acollerá desde este mes o Real Xardín Botánico é  “moi necesaria” e denuncia “as ameazas que ten a natureza na Galiza por diferentes frontes”. Explica Varela a Nós Diario que o propio Carballa quixo, a través desta mostra, “sacar á luz desde a súa sabedoría artística e empregando diferentes materiais dunha beleza verdadeiramente potente, o gran perigo que corre o medioambiente na Galiza”. 

Varela salienta, neste sentido, o “coñecemento en primeira persoa” por parte do artista de como está a situación real, neste caso, na ría de Pontevedra. “Naceu e viviu en Poio polo que ten diante del a celulosa [de Ence] marcada desde que se instalou nos anos 60, algo que nos pasou a todos os que vivimos na zona”, lembra. Por iso, o artista, tal e como lle comentou a ela en máis dunha ocasión, “ten clara a circunstancia de que a ría pasou de dar un traballo fixo a máis de 2.000 mulleres mariscadoras cada día a perder para sempre esa fonte de ingresos”. 

Alén diso, a comisaria da exposición pon énfase en que Carballa non queda só nese contexto próximo a el xeograficamente e expón outros perigos que ameazan na actualidade outras zonas do territorio galego. “A situación continúa co proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei, dez veces maior que a de Ence, que empregará e verterá millóns de litros de auga contaminada diariamente do río Ulla, pondo en risco os seus recursos piscícolas e as augas da ría de Arousa”, aclara. 

Outro dos temas que preocupa Carballa e que aparece na exposición está relacionado coa “eucaliptización” da paisaxe galega. A comisaria lembra que o eucalipto “é unha especie pirófita e depredadora que ocupa xa 25% da superficie forestal galega” e alerta de que agora “se autorizan novas plantacións, dificultando os esforzos das Comunidades de Montes por recuperar as masas arbóreas autóctonas de carballo e castiñeiro”. Varela sinala que este tipo de actuacións “mudan a paisaxe do país e están relacionadas coas mesmas industrias”.

“Con todo, o que me parece máis interesante desta exposición é que un artista como Fernando Carballa collera todas estas preocupacións e esta crítica medioambiental para desenvolvela á súa maneira nunha exposición”, destaca Varela. Unha denuncia que fai "a través dunha exposición que non deixa de ser fermosa e atractiva como é esta", agrega.

Por último, a comisaria da mostra pon en valor que a iniciativa desta exposición estea situada "moito tempo no centro da capital do Estado español" mostrando de maneira pública a todo o mundo que a visite estes días "a nosa denuncia do que acontece a través da propia mostra e dos textos que escribimos ambos os dous para o catálogo que a acompaña".

Comentarios