"A noite das historias da avoa Virxinia", por Aroa Pantín Neira
Hoxe, coma todas as noites, a avoa Virxinia chamou por nós despois de cear. Eu e os meus irmáns pequenos, Eladio e Manuel, corriamos á cociña, onde o lume da lareira quentaba o aire e facía sombras bailando nas paredes. O recendo a madeira queimada mesturábase co da sopa que aínda quedaba quente na pota grande. A avoa sentou na súa cadeira de madeira, coas mans pousadas no seu mandil azul, e nós, emocionados, acomodámonos ao seu redor, dispostos a escoitar unha nova historia.
-Xa vos contei moitas historias, pero hoxe quero falarvos dun home moi especial -dixo con ese sorriso que sempre nos facía sentir seguros-. Castelao.
Ese nome soábame, porque na escola a mestra xa nos falara del. Castelao, o gran escritor, pintor e político. Pero a avoa Virxinia tiña unha maneira de contar que o facía todo máis real, coma se puidese viaxar no tempo e trasladarnos con ela a outra época.
-Cando el era pequeno, coma vós -continuou-, vivía aquí en Rianxo, xusto como nós. E sabedes? Seu pai chamábase Manuel, coma ti! -dixo, sinalando a meu irmán, que abriu os ollos ben grandes-.
Manuel mirou para min cunha expresión de orgullo, coma se ser o seu homónimo lle dese algún tipo de poder especial. Eu imaxinábao correndo polas rúas do noso pobo, xogando ao mesmo que nós, enchoupándose coa choiva no inverno e mollando os pés na ría no verán. Pero a avoa díxonos que Castelao era un neno moi observador, que sempre miraba todo con moita curiosidade, que lle gustaba debuxar e escribir dende ben pequeno.
A avoa Virxinia contounos que Castelao marchou con seu pai a Arxentina cando era mozo, pero nunca se esqueceu da súa terra. Volveu para estudar medicina, aínda que a súa paixón sempre foi debuxar e escribir.
-El nunca deixou de pintar -dixo a avoa, abrindo un libro con ilustracións de Castelao-. Fixádevos ben nos seus debuxos, non só son retratos, son historias. Cada cara, cada mirada, cada sombra, conta algo.
Eu mirei atentamente aquelas imaxes. Eran homes traballadores, mulleres fortes, xente humilde, pero con dignidade. Castelao non pintaba para facer algo bonito, pintaba para que todo o mundo vise a realidade do pobo galego.
-E tamén escribía! -continuou a avoa-. O seu libro, Sempre en Galiza, foi moi importante. Nel fala do que significa ser galego, do amor á nosa terra e do desexo de que Galicia teña un futuro mellor.
Eladio escoitaba con atención, fascinado coa historia do home que defendía Galicia con palabras e trazos de tinta.
A avoa fixo unha pausa e mirou cara ao lume, coma se estivese recordando algo importante.
-Sabedes o que máis me gusta de Castelao? -preguntou-. Que nunca perdeu a esperanza. Nunca se rendeu. Loitou ata o final por Galicia e polo seu pobo. E iso é o que temos que aprender del.
Eu quedei calada, sentindo unha emoción profunda. A historia de Castelao non era só un relato, era algo que eu podía sentir dentro de min, algo que me facía querer ser coma el, querer escribir, querer debuxar, querer lembrar sempre de onde vimos.
A avoa Virxinia continuou contando que Castelao tamén participou na política. Escribiu discursos, defendeu os dereitos do pobo galego e soñou cun futuro onde Galicia puidese decidir o seu camiño. Pero todo era difícil naquela época, e cando chegou a Guerra Civil, Castelao tivo que marchar ao exilio.
-Foi moi triste para el -dixo a avoa-. Nunca volveu ver Galicia. Morreu lonxe, pero nunca deixou de soñala.
Eladio, que sempre quería entender todo, preguntou:
-Avoa, por que nunca volveu? Non podía regresar? A avoa meneou a cabeza e suspirou.
-A guerra cambiouno todo, meu neno. Castelao era un home que defendía Galicia con todas as súas forzas, e iso non gustaba a todos. Tivo que quedarse fóra, pero mesmo desde alí seguía escribindo e soñando cunha Galicia libre.
O lume da lareira crepitaba, e eu sentía que a historia nos envolvía, coma se a alma de Castelao flotase na cociña, entre nós.
Antes de que a avoa apagase o lume e nos mandase para a cama, eu mirei cara a fóra, cara ao ceo escuro con algunhas estrelas agochadas entre as nubes. Pensaba en Castelao, no que sentira ao estar lonxe da súa casa. Pregunteime se algún día eu tamén escribiría algo que fixese que Galicia nunca esquecese quen é.
Os meus ollos empezaban a pecharse de sono, pero antes de durmir pensei que algún día, eu tamén quería contar historias coma a avoa. E se cadra, debuxar xente que ninguén esqueza, como fixo Castelao.
A avoa Virxinia fixo unha pausa e mirou cara ao lume, coma se estivese recordando algo importante.
-Sabedes? Castelao non estaba só nese soño por Galicia -continuou-. Aquí en Rianxo, había outro home, tamén escritor, tamén soñador. Chamábase Rafael Dieste.
O nome non me soaba tanto como Castelao, pero a avoa sempre tiña esa habilidade de facernos escoitar con atención. Rafael Dieste, outro rianxeiro, amigo de Castelao, compartía con el moitas ideas e loitas. Era escritor, dramaturgo, e tamén defendía Galicia con palabras que quedaban na memoria.
-Castelao e Dieste respectábanse moito -dixo a avoa-. Tiñan un pensamento moi parecido. Os dous querían que Galicia tivese o lugar que merecía no mundo, que a nosa cultura non se apagase. Rafael Dieste escribiu moito sobre iso, sobre nós, sobre a nosa lingua.
Eladio, que escoitaba con atención, preguntou:
-E tamén tivo que marchar?
A avoa Virxinia asentiu, cunha expresión melancólica.
-Si, meu neno. A guerra levounos a moitos. Rafael Dieste tamén estivo no exilio, en lugares diferentes a Castelao, pero sempre pensando en Galicia. Sempre lembrando Rianxo.
A imaxe de Castelao e Dieste, dous rianxeiros soñadores, comezou a quedar na miña cabeza como algo que non quería esquecer. Homes que escribían, que loitaban con palabras, que nunca deixaron de querer á súa terra.
"A avoa Virxinia pechou o libro de Castelao e acomodouse na cadeira"
A avoa Virxinia pechou o libro de Castelao e acomodouse na cadeira.
-Pero a historia de Rafael Dieste merece unha noite aparte -dixo cun sorriso na cara-. Outro día cóntovola. Agora, á cama!
Eu quedei calada, desexando que chegase xa a seguinte noite de historias...