Cultura

'Os nenos da varíola', de María Solar, saltan do papel ás táboas da escena

Unha obra do Centro Dramático e Pérez&Fernández 
Detalle do cartaz d'Os Nenos da Varíola'
photo_camera Detalle do cartaz d'Os Nenos da Varíola'

A compañía Pérez&Fernández, en coprodución co Centro Dramático Galego, leva a escena a novela de María Solar Os Nenos da Varíola, galardoada co premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil e co premio Gala do Libro 2018 na categoría de Obra Xuvenil. A adaptación estréase a vindeira sexta feira 28 de febreiro, no Salón Teatro de Compostela, ás 20.30 horas.

A obra está ambientada no século XIX. O 30 de novembro de 1803, a "Real Expedición Filantrópica da Vacina" partía do porto da Coruña con 22 crianzas procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña. Estas conforman unha cadea humana "brazo a brazo", artellada para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas.

Os nenos da varíola é unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, construída con tenrura e humor a partes iguais, que toma como eixe central a vida das crianzas da Casa de Expósitos da Coruña, no seu periplo a bordo da citada expedición. Ademais, a obra que dirixen Xosé Leis e Victoria Pérez rescata a figura de Isabel Zendal, reitora do mencionado hospicio e un dos alicerces fundamentais da fazaña.

As actrices Victoria Pérez e Isabel Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis son as encargadas de darlle vida a unha ducia de personaxes que protagonizan a historia, desde as monxas da Casa de Expósitos, os doutores Balmis e Posse Roybanes, as nenas e nenos protagonistas da ficción de María Solar, e a promotora da expedición, Isabel Zendal.

A estrea irá seguida doutros dous pases no Salón Teatro os días 29 de febreiro e 1 de marzo. Ademais, a compañía ten xa funcións programadas en Ourense (22 de marzo) e A Coruña (16 e 17 de abril).

Comentarios