Guiarán as rutas Concha Blanco e Xan Fernández

Este Nadal, roteiros literarios por Cee e mais Muxía da man da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza, para o vindeiro día 26, Roteiros Literarios por Cee e Muxía. Un evento que conta co patrocinio da Deputación da Coruña e coa colaboración dos Concellos protagonistas das rutas. 
muxia
photo_camera Santuario da Barca en Muxía. (Foto: Xunta)

Os Roteiros Literarios por Cee e Muxía que se desenvolverán o sábado 26 forman parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos.

Así, o Roteiro Literario por Muxía, correrá a cargo do autor Xan Fernández Carrera e o Roteiro Literario por Cee, guiarao Concha Blanco. 

Deste xeito, explican desde a asociación, “posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria”. Posteriormente, o texto dos roteiros será subido á páxina web da AELG, quedando así a disposición da poboación.

Os roteiros comezarán ás 11:30 horas do sábado, cunha duración estimada de hora e media. No desenvolvemento da actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes e será preciso cumprir coa distancia de seguridade e co uso de máscaras.

A inscrición é de balde e obrigatoria, por mor das medidas de protección da Covid-19, e farase mediante un correo electrónico a [email protected].

Sobre as guías da AELG

Xan Fernández Carrera, guía no roteiro por Muxía, é un docente e ensaísta de Vimianzo  que centrou a súa obra, especialmente, na Costa da Morte e na comarca de Bergantiños.

Concha Blanco, que guiará as persoas asistentes á ruta en Cee, naceu na ría de Lires, nese municipio e, ademais da docencia, realizou publicacións didácticas e infantís como Poemas para pintar ou Contos para a escola.

Comentarios