'Nación', de Margarita Ledo, premiada na súa estrea no Festival de Sevilla

Recibe un galardón especial á Mellor Dirección da película do Estado español estreada no certame. A próxima semana terá a súa primeira exhibición na Galiza, en primicia dentro da programación de Cineuropa. 
'Nación' de Margarita Ledo Andión.
photo_camera 'Nación' de Margarita Ledo Andión.

O Festival de Cinema Europeo de Sevilla acolleu esta semana a estrea da cuarta longametraxe de Margarita Ledo, Nación, cuxo tráiler pode verse aquí.

Hoxe mesmo o festival daba a coñecer, a través do seu palmarés, a escolla desta peza como Premio Especial á mellor dirección da película do Estado español estreada no certame.

O filme poderá verse por primeira vez na Galiza dentro da programación de Cineuropa (Compostela) a vindeira semana. Margarita Ledo foi tamén premiada nesta edición do festival, xunto a Alfonso Zarauza, que estrea Ons (logo de pasar tamén por Sevilla) e o actor Javier Gutiérrez.  

Transitando a non-ficción

Nación é un filme de non ficción onde a directora e guionista relata a apertura ao mundo que supuxo para as mulleres en medio de tempos convulsos o acceso ao emprego industrial a través das enérxicas e carismáticas mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.

Así, na propia descrición feita polo festival de Sevilla indican “Margarita Ledo constrúe un relato emocionante, combativo e poético dunha loita aínda hoxe inconclusa”.

Muller e clase obreira

A película retrata a especia fraxilidade das mulleres nunha clase obreira xa matratada, a partir das experiencias ao longo dos 50 anos dun grupo de mulleres traballadoras na fábrica Pontesa de cerámica (hoxe fechada). Conta ademais cunha banda sonora creada por Mercedes Peón.

En palabras da propia directora, trátase dun filme que se achega ao “moito que tardamos as mulleres en ter dereitos, non só en votar se non en acceder ao traballo asalariado e a posibilidade de ser independentes. En resumo de sermos nación”. 

Comentarios