"Nacín na mesma terra ca ti", por Liu Lens Lojo
Prezado Castelao:
Levo anos pensando en escribirche unha carta e penso que chegou a hora. Se che parece ben voume presentar, pois eu sei todo de ti e ti non sabes ren de min. Chámome Lela, teño 16 anos e vivo en Rianxo, a túa querida vila. Sóache o meu nome, verdade? Púxomo miña nai en honor á túa obra de teatro Os vellos non deben de namorarse, pois era o seu libro favorito na infancia.
De pequena, en lugar de arrolos de berce, sempre me cantaron Lela e converteuse na miña canción predilecta. Tamén dende cativa, léronme sempre Cousas e penso que crecer ao teu carón fai hoxe moito máis sinxelo escribirche. Pasaron tantas cousas dende que non estás…
A Galiza aínda non gañou a súa loita, segue a ser discriminada, chea de caciques e sen facerse valer para que a teñan en conta. Iso non mudou nin, desgraciadamente, ten pinta de facelo, polo menos, nestes anos próximos que veñen... O galego, a nosa lingua, a lingua coa que facías arte, acaba de situarse como menos usada que o castelán no noso país. Non é unha nova horrible? Perdemos a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa vida. Ti, que escribiches aquilo de que se aínda somos galegos é por obra e graza
do idioma!
Conste que estamos a loitar, Castelao, moito, de verdade, pero non nos axudan. Como facías para ter forzas para enfrontarte ás inxustizas aínda sendo ignorado? Es o meu heroe porque seguiches a pelexar até a morte pola túa causa, Galiza.
Vouche falar de algo máis feliz, que pouco máis vólvoche matar do desgusto! Rianxo asemella unha illa fóra da Galiza e de España. Estarías orgulloso de nós, pois todos e todas falamos galego con normalidade e non nos deixamos intimidar por ninguén. Todos os 29 de xaneiro facemos actos para homenaxearte e no instituto ata creamos un certame para facer as nosas propias Cousas baseadas nas túas. Non é incrible? Témosche moi presente, por moito tempo que leves morto.
Vaites! Esquecíame! O 23 de maio estrearon unha película sobre ti! Titúlase Antes de nós e está protagonizada por Xoán Fórneas, que fai de ti, e por Cris Iglesias, que encarna a túa amada Virxinia. Está dirixida por Ángeles Huerta (si, por unha muller! Estou segura de que che encantaría ver o progreso feminista da nosa sociedade, aínda que faltan cousas por lograr e batallar). A película semella un éxito, moita xente está a vela e eu non podo sentirme máis feliz de que o teu legado se espalle nacional e internacionalmente, presumindo de lingua e de cultura.
Sabes? Moitas veces penso na túa relación con Virxinia. Sempre dixeches que sen Galiza non se pode ser feliz, pero eu penso que sen amor tampouco. O amor da paixón á nosa vida. Sen ese afecto, sen esa rede de apoio, ninguén pode ser feliz. Ti e Virxinia sostiñádesvos un ao outro, mesmo cando a distancia ou a enfermidade vos golpeaba, e iso tamén é unha lide, amar nun mundo que nos quere partidos.
Eu quero ser traballadora social. Xa, xa sei que non é o camiño que ti tomaches, mais ben sabes que hai que coidar da vida e querer dende ben abaixo. Gustaríame reconducir a todos aqueles rapaces e rapazas desas tristes vidas coma ti querías reconducir o noso país. Sempre defendiches a xente pobre e humilde e penso que niso nos parecemos moito, os dous queremos o mellor para o mundo e axudar as persoas.
Ás veces, síntome impotente vendo como cada día a nosa lingua é desprezada e ridiculizada polo seu propio pobo, pola nosa clase política, que hai rapazada que non sabe galego porque nas escolas non o falan… Todo iso doe moito, pero despois vexo como a mocidade volve usar o galego; como cantantes, coma Mondra ou As Fillas de Cassandra, arrasan con cancións na nosa lingua, como enchen festivais e levan a revolución alá onde van e, non sei como explicalo, pero son quen de crer que toda esta semente, un día, vai vencer.
Boto un sorriso pensando en que ti encabezarías as manifas e serías o que máis berraría.
Nas manifestacións polo galego, cando escoito lemas como “galego si, altri non!” ou “galegos somos, galegos seremos”, boto un sorriso pensando en que ti encabezarías as manifas e serías o que máis berraría. Oxalá estiveras aquí para ver todo isto…
Este ano lembramos o teu 75 cabodano e, como se fose unha ironía, cada ano síntoche máis preto. Pero é que estás aquí, Castelao. Estás no meu nome, estás na lingua na que falo e escribo, estás nos libros que leo, na música que bailo até a madrugada nas festas da Guadalupe, estás nas protestas polo galego, na pandeireta que toco nas foliadas, nos debuxos que fago despistada na clase e, sobre todo, no meu pensamento. Pero, cando máis ao meu lado te percibo é cando vexo progresar a nosa lingua.
Penso que non me dan os folios nin a tinta do meu boli para darche as grazas por todo o que fixeches por nós e, sobre todo, por ser, espiritualmente, coma un irmán para min.
Se estou orgullosa de ser rianxeira é só porque podo dicir que nacín na mesma terra ca ti e os teus amigos Dieste e Manuel Antonio, aos cales tamén admiro moito, pero aquí, entre ti e eu, ninguén supera o
Gran Castelao.
Para rematar (xúroo), quería dicirche que no Nadal pasado fun a Bruxelas de vacacións e, imaxínate se estás presente na miña vida, que ata seguín o teu diario de 1921! Non sabes o emocionante que foi ir aos museos e ver os mesmos cadros ca ti, e ver as túas anotacións e decatarme de detalles que eu mesma nunca vería. Teño que dicir que pasar 6 horas nun museo non foi o mellor da viaxe, pero, oes! Fixéchelo
moi levadeiro!
Grazas, grazas unha vez máis, por escribir todo o que vías, pois ver o mundo dende os teus ollos foi incrible, non podo estar máis feliz de que deixaras medicina para dedicarte ao teu soño.
Ata aquí a miña carta, case libro, se te pos. Mi madriña, debes estar retorcéndote na tumba coa roncha que te acabo de dar… Mil desculpas de novo.
Con todo o meu grande cariño rianxeiro e loitador,
Lela.